A Deputación reivindica o seu Plan estratéxico de subvencións como exemplo de “transparencia e bo goberno” e lembra que a Xunta de Galicia carece deste instrumento, pese a ser unha obriga legal
A deputada Rosa Ana García lembra "a nítida obriga legal" de dotarse dun Plan de subvencións pese ao cal nin a Xunta de Galicia, "auténtica xigante das convocatorias de subvencións, nin ningún dos innumerables organismos dependentes da administración autonómica contan con este instrumento"
O Goberno da Deputación da Coruña defende que o seu Plan estratéxico de subvencións (PES) 2025-2027 "é un exemplo de transparencia e bo goberno, conta cos informes favorables dos servizos de Secretaría e Intervención e cumpre con todos os requisitos e garantías legais" e critica que o PP solicitara a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar o PES da Deputación cando a Xunta de Galicia carece deste instrumento, pese a ser "unha nítida obriga legal".
Así o afirmou a deputada de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, que compareceu esta mañá nun pleno provincial extraordinario convocado a petición do Partido Popular para dar conta do Plan estratéxico de subvencións (PES 2025-2027), aprobado polo pleno da Deputación o pasado mes de setembro.
Na súa intervención, a deputada lembrou que a Deputación da Coruña cumpre dende 2020 coa obriga legal de dotarse dun plan de subvencións e defendeu a tramitación do novo PES 2025-2027 seguiu exactamente o mesmo procedemento administrativo que o de 2020-2022 e "non inclúe o exercicio de ningunha competencia nova", polo que considerou "inxustificada e difícil de explicar a posición do PP".
Rosa Ana García lembrou que tanto a Lei xeral de subvencións estatal (Lei 38/2003) como a Lei de subvencións de Galicia (Lei 9/2007) establecen claramente "a nítida obriga legal" de que as administracións ou entes que concedan subvencións se doten dun plan estratéxico que concrete os obxectivos, efectos que se pretenden, prazos, custes e fontes de financiamento destas, "pese ao cal nin a Xunta de Galicia, nin os innumerables organismos dependentes dela dispoñen de Plan de subvencións. Pensen que aquí se inclúen as consellerías, auténticas xigantes da convocatoria de subvencións", apuntou a deputada, que subliñou que "os plans de subvencións son ferramentas clave para unha xestión pública eficiente, transparente e orientada a resultados que todas as administracións públicas están obrigadas a ter".
A deputada lembrou que, tanto para a aprobación do PES de 2020 como do novo PES 2025-2027 se solicitaron os informes da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, "sen que houbese contestación por parte da administración autonómica ata o día de hoxe".
Subliñou tamén que, "desde o punto de vista xurídico, os plans estratéxicos de subvencións non son normas xurídicas propiamente ditas, senón instrumentos técnicos internos de programación, que en consecuencia non resultan susceptibles de crear por si mesmos dereitos nin obrigas de índole económica e xurídica para con terceiros posibles interesados no programa" e indicou que o PES "é un documento activo e aberto a cambios, polo que calquera dos grupos provinciais pode presentar as propostas de actividade de fomento que considere convenientes".
García sinalou tamén a "ampla publicidade" do Plan, que se publica no Boletín Oficial da Provincia, a sede electrónica e o Portal de Transparencia da Deputación e no Sistema Nacional de Subvencións e Axudas Públicas de forma que "calquera persoa da nosa provincia poida ter unha información nítida de cal é e como é a actividade de fomento da Deputación da Coruña".
Debate no pleno
O portavoz do PP, Evaristo Ben, incidiu na "cuestionable tramitación" do PES, "tramitado de maneira precipitada, con importantes lagoas, falta de participación e sen o informe preceptivo e vinculante" da Xunta de Galicia.
"En cinco anos, a Xunta aínda non informou o PES de 2020", contestou o portavoz socialista, Bernardo Fernández, que lembrou que o informe para este novo plan, que non presenta cambios substanciais nin novas competencias con respecto ao primeiro, foi solicitado o pasado 10 de setembro, pese a que "dous informes xurídicos acreditan que non é necesario".
A portavoz do BNG, Avia Veira, destacou tamén que o PES "conta con todos os informes favorables" e instou o PP a "predicar co exemplo", xa que a Xunta carece de PES: "O plan da Xunta é sacar subencións a dedo para quen lle conveña e cando lle conveña". A deputada destacou que mentres o anterior goberno do PP na Deputación destinaba en 2013 e 2014 un 24% dos subvencións como nominativas, sen bases nin concorrencia pública, co actual goberno provincial integrado por PSOE e BNG menos do 5% das subvencións son nominativas.
O pleno estivo presidido polo vicepresidente Xosé Regueira, en sustitución do presidente, Valentín González Formoso, que a esas horas participaba na Estrada, invitado pola Xunta de Galicia, no acto de recoñecemento aos bombeiros autonómicos e provinciais que contribúen estes días ás tarefas de recuperación das localidades de Valencia máis afectadas pola DINA.