Estás en:Novas

A Deputación confirma á alcaldesa de Fisterra que contará con fondos para mellorar as estradas do municipio

O Plan estratéxico de estradas da Deputación contempla crear unha liña específica de axudas para os concellos da Capela, Fisterra e Carnota, os tres únicos da provincia que carecen de estradas da Deputación

A Deputación confirma á alcaldesa de Fisterra que contará con fondos para mellorar as estradas do municipio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou este martes no seu despacho da institución provincial nunha reunión de traballo coa alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez, e o deputado provincial e voceiro de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane.

Na reunión abordáronse diversas cuestións relativas aos investimentos da Deputación no concello, que pecha este ano con 529.099 euros de investimento do Plan único, cos que o concello executará obras como a renovación do firme en Sardiñeiro e na rúa Federico Ávila, a reforma dunha planta da Casa Consistorial e a pavimentación de viarios en distintas parroquias no municipio.

A alcaldesa presentoulle ao presidente outras necesidades e proxectos do municipio en materia social, cultural, de servizos e mellora de infraestruturas e estradas. Entre elas, Formoso confirmou á rexedora que, tal como contempla o Plan estratéxico de estradas, o goberno provincial prevé dotar unha liña específica de axudas para os únicos tres concellos da provincia que carecen de estradas da rede provincial: Fisterra, Carnota e A Capela, e que polo tanto non se ven beneficiados por este tipo investimentos da Deputación.

As axudas, aínda por cuantificar, terán por obxecto mellorar a rede de estradas municipal nestes tres concellos, sempre dentro das liñas marcadas polo Plan Estratéxico.