Estás en:Novas

O CEI da Deputación busca converter a provincia da Coruña nun “hub audiovisual de referencia en Europa” para a produción de cine e series

Valentín González Formoso presentou o Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior estudio de produción virtual de España, ante os principais axentes do sector audiovisual nacional

O CEI comezará a funcionar a principios de 2025 e supón un investimento de 9 millóns de euros cofinanciados pola Deputación e o Plan de Recuperación do Goberno de España

Con 2.000 m2 e tecnoloxía inmersiva de vangarda, o CEI permitirá reducir os custes de produción ata nun 68% e consolidar a Galicia como referente na industria audiovisual internacional

O CEI da Deputación busca converter a provincia da Coruña nun “hub audiovisual de referencia en Europa” para a produción de cine e series

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou hoxe aos directivos e responsables de contidos das principais cadeas de televisión, plataformas audiovisuais e produtoras de cine nacionais o CORUÑA ESTUDIO INMERSIVO (CEI), o maior estudio de produción virtual de España, que entrará en funcionamento a principios de 2025 e que pretende converter á Coruña "nun hub audiovisual de referencia en Europa" para a produción de cine e series, segundo afirmou o presidente.

O acto tivo lugar na Cidade das TIC, no marco do 18º Congreso "I+P Ideas para Producir" organizado polo Clúster Audiovisual Galego e contou coa participación do presidente da entidade, Alfonso Blanco; o reitor da UDC, Ricardo Cao; e o director de Mundos Digitales, Manuel Meijide, ademais do propio Formoso, que puxeron en valor un proxecto chamado a revolucionar a industria audiovisual en Galicia e explicaron en detalle as vantaxes que suporá para a industria audiovisual.

Entre os asistentes estiveron directivos e responsables de contidos das principais empresas de produción de contidos audiovisuais de España como RTVE, Atresmedia Cine e TV, Mediaset España, Movistar+, Amazon Prime Video, Warner Bros Discovery, Filmax, A Contracorriente Films, Voz Audiovisual, Portocabo ou Vaca Films, entre outros.

Formoso destacou que o CEI "posicionará a Galicia como referente no sector audiovisual nacional e internacional" e destacou o potencial desta instalación para impulsar á industria audiovisual e creativa, "na que en Galicia xa somos unha potencia". Neste sentido, apuntou que o audiovisual xa representa o 28% da industria cultural en Galicia, con máis de 4.500 empregos, 411 millóns de euros anuais en facturación e máis de 707 empresas, a maioría delas na provincia coruñesa, que producen series e películas de gran éxito e repercusión no panorama nacional e internacional.

Oportunidade para traer grandes producións a Galicia

Valentín González Formoso mostrou a súa confianza en que o CEI "non só atraerá á Coruña grandes producións nacionais e internacionais, senón que tamén fomentará a creación de emprego cualificado, reducirá os custes de produción en ata un 68% e consolidará a Galicia como un polo estratéxico de innovación audiovisual".

O presidente agradeceu "a implicación e colaboración" do Clúster e do sector audiovisual galego para impulsar este importante proxecto, "que lles permitirá ás empresas audiovisuais de Galicia e España acceder á tecnoloxía máis avanzada do mundo en produción virtual sen necesidade de desprazarse ao estranxeiro, fomentado a retención e desenvolvemento do talento local".

O presidente do Clúster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco, coincidiu en que "o CEI vai ser un piar clave para dar un novo impulso á industria audiovisual de Galicia" e subliñou que "é o resultado dunha excepcional colaboración entre o público e o privado, e todo iso nun espazo único como a Cidade das TIC, onde tecnoloxía, formación e audiovisual danse a man nun entorno de enorme potencial creativo, innovador e industrial".

Tecnoloxía inmersiva de última xeración

O CEI conta cunha superficie total de 2.000 metros cadrados, dos que 750 metros están destinados a un gran plató inmersivo equipado coa tecnoloxía de vangarda de Telefónica en realidade virtual, aumentada e estendida (VX/AR/XR). A instalación integra 758 paneis LED 4K que permiten crear escenarios envolventes, dinámicos e hiperrealistas que reproducen con absoluta precisión calquera localización real ou ficticia que poden interactuar con elementos físicos en tempo real.

O proxecto supón un investimento de preto de 9 millóns de euros, cofinanciados entre a Deputación e o Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é unha peza clave dentro do plan "España, Hub Audiovisual de Europa", e supón unha aposta pola transformación dixital e a internacionalización da industria audiovisual española.

O CEI é un proxecto impulsado pola Deputación da Coruña dentro do seu compromiso coa innovación, a aposta por sectores estratéxicos que xeren emprego e actividade económica e a proxección nacional e internacional da provincia.

 logo financiado union europea nextgenerationeu logo-gobierno-españa   logos Plan de Recuperacion

---