Estás en:Novas

A Deputación da Coruña conclúe as xornadas "Rumbo sostible" cunha folla de ruta estratéxica para o futuro do sector pesqueiro

Confrarías de pescadores, institucións, comunidade científica e expertos en recursos mariños compartiron as súas reflexións sobre o futuro da pesca artesanal en Galicia

A Deputación da Coruña conclúe as xornadas

A sede da Deputación da Coruña acolleu este sábado as xornadas "Rumbo sostible: Conversacións sobre o futuro que queremos para o sector pesqueiro", organizadas pola área de Mar e Medio Rural da institución provincial

O encontro reuniu a representantes das confrarías de pescadores, institucións, comunidade científica e expertos en recursos mariños, consolidándose como un foro clave para abordar os retos e oportunidades do sector.

A deputada Cristina Capelán Cancelo inaugurou as xornadas, destacando que, por primeira vez en 200 anos de historia, a Deputación conta cunha área específica de Mar, Medio Rural e Apoio a Sectores Productivos. "Esta aposta reflicte o compromiso do Goberno provincial co futuro do sector pesqueiro, reforzado tamén con feitos como o incremento do orzamento destinado ás confrarías de pescadores da provincia, que pasa de 500.000 a 650.000 euros anuais", apuntou a deputada.

Durante a xornada, tratáronse cuestións fundamentais para a sustentabilidade da pesca artesanal e a preservación dos recursos mariños. Abordouse o impacto do cambio climático na flota artesanal e a necesidade de conservar os ecosistemas costeiros, coa colaboración de investigadores do Future Oceans Lab da Universidade de Vigo, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e a Universidade de Santiago de Compostela. Tamén se analizaron estratexias para a revalorización dos produtos pesqueiros e para unha xestión sostible dos recursos mariños, coas experiencias compartidas por confrarías como as de Noia, Barallobre e Aguiño, e por representantes da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro (RIMP) Os Miñarzos, a primeira da costa atlántica da península Ibérica, creada por iniciativa da confraría de pescadores de Lira (Carnota).

A xornada pechouse coa presentación de casos de éxito e proxectos innovadores que combinan tradición, innovación e respecto polo medio ambiente. Estes exemplos demostraron como a diversificación e a colaboración poden fortalecer as economías locais e mellorar a calidade de vida das comunidades costeiras.

Como resultado, elaborarase unha folla de ruta práctica na que a aposta pola innovación e a cooperación serán alicerces para o futuro do sector. Cristina Capelán subliñou que o éxito destas xornadas reflicte "a importancia de sumar esforzos entre institucións, sector produtivo e comunidade científica para garantir a sostibilidade dos recursos mariños e preservar a herdanza mariña galega para as xeracións futuras".