Regueira pon en valor o apoio da Deputación na presentación da candidatura de Ferrol a Patrimonio mundial da UNESCO
O vicepresidente, Xosé Regueira, participou hoxe no acto de presentación dos avances da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da UNESCO campañas 2023 e 2024 que tivo lugar no Teatro Jofre
A Deputación colabora con este proxecto "que enriquecería o catálogo UNESCO da provincia, sumando unha nova cidade como a Ferrol que reúne todos os ingredientes para ser patrimonio mundial: historia, patrimonio da Ilustración, militar, industrial, e unha contorna natural espectacular" sinalou Regueira
O Teatro Jofre acolleu esta tarde o acto de presentación dos avances da candidatura (campañas 2023 e 2024) "Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración" a Patrimonio Mundial da UNESCO; un proxecto que conta co apoio da Deputación da Coruña. O vicepresidente, Xosé Regueira, acudiu ao acto, onde puxo en valor o apoio da entidade provincial a esta iniciativa "que enriquecería o catálogo UNESCO da provincia", sinalou.
Regueira sinalou que "dende a Deputación levamos anos apostando por esta candidatura, e agora tócanos reforzar este apoio, porque cremos no potencial desta cidade". Así, afirmou que "Ferrol ten todos os ingredientes para ser Patrimonio Mundial: historia, patrimonio militar, patrimonio da Ilustración, industrial, urbano, cultural..." E, engadiu, "enmárcase ademais nunha paisaxe excepcional; é unha das grandes xoias ocultas do Estado".
O vicepresidente fixo referencia, ademais, a todo o proceso para formar parte da lista de Patrimonio mundial da UNESCO. "O propio itinerario da candidatura por si mesmo merece a pena", e mencionou os outros patrimonios UNESCO da provincia: "a cidade de Compostela, a Torre de Hércules, a Reserva da Biosfera e o xeoparque Cabo Ortegal". A inclusión de Ferrol representaría "un fito extraordinario tanto para o patrimonio como para o turismo da provincia da Coruña".
Ademais, Xosé Regueira destacou a importancia da colaboración entre administracións, "cando isto ocorre, moito do camiño xa está andado". E, como próximos paso, falou da necesidade de "xerar ilusión con esta candidatura, e continuar pelexando e cooperando".