A Deputación financia a Feira Olería Tradicional 'Alfaroleiros' do Concello de Oleiros con 40.000 euros
O vicepresidente, Xosé Regueira, e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, asinaron esta mañá o convenio na sede provincial
A achega da institución provincial serve para costear o 50% do orzamento, que inclúe tres concertos, obradoiros, gastos de alugamento loxístico ou promoción do evento
A Deputación da Coruña colabora coa Feira Olería Tradicional 'Alfaroleiros', do Concello de Oleiros. Faino a través dun convenio asinado esta mañá entre o vicepresidente, Xosé Regueira, e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, por valor dun importe de 40.000 euros, que cubre un 50% do orzamento presentado.
Con este acordo de cooperación, a Deputación pon en valor a olería, un sector que considera non só atractivo polo seu interese cultural, senón con potencial rendible como medio de desenvolvemento económico, social e xerador de emprego a nivel local e provincial.
Deste xeito, a subvención nominativa sufraga a metade dos gastos da 'XXX Feira Olería Tradicional "Alfaroleiros"', que se celebrou entre o 5 o 9 de agosto no parque Luis Seoane de Santa Cruz, no Concello de Oleiros. Unha cita que este 2024 cumpriu 30 anos e que reuniu a 26 oleiros procedentes de diversos puntos do estado español.
En concreto, o importe achegado pola Deputación da Coruña cofinancia as actividades da celebración dun evento referencial na olaría da provincia: os concertos de Monolious DOP, Verónica Codesal e Caamaño & Ameixeiras, un espectáculo de humor, varios obradoiros e exposicións, así como os gastos de alugamentos loxísticos, de desprazamento, de persoal ou de difusión da feira.