Estás en:Novas

Formoso resalta na entrega do Premios AMES AV-LAB a aposta da Deputación polo talento emerxente no sector audiovisual

Tramoloxía, O Laúro, Dous nichos para Maruja, Nemeto, 42.195 metros, Orquesta Raíña e Serenade son os sete proxectos do Ames AV LAB premiados con 70.000 euros

Formoso resalta na entrega do Premios AMES AV-LAB a aposta da Deputación polo talento emerxente no sector audiovisual

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta tarde o acto de entrega de premios da primeira edición do Ames AV LAB, o laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual que puxo en marcha o Concello de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña.

En total participaron 15 proxectos, dos cales 7 recibiron un premio de 10.000 euros cada un, para as actividades de definición e desenvolvemento inicial de ditos proxectos. Tramoloxía, O Laúro, Dous nichos para Maruja, Nemeto, 42.195 metros, Orquesta Raíña e Serenade son os sete proxectos premiados. Estes premios, concibidos como capital semente, permitirán aos proxectos gañadores avanzar no seu desenvolvemento inicial e atraer novas oportunidades de financiamento.

O acto de entrega de premios estivo presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e o alcalde de Ames, Blas García. Tamén asistiron a deputada provincial da área de Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García; a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz; a técnica municipal, María Lloves; así como Antonio Veiga, de Ficción Produción; Rocío González, de Mirabelle Producións; Alberto Domínguez, de Setemedia; e Fernando Alfonsín, de Alfonsín Digital.

O acto comezou cunha presentación institucional a cargo do alcalde de Ames, Blas García, que comezou agradecendo a presenza do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras. "Ames é un Concello aberto e que colabora con todas e cada unha das distintas administracións que compoñen o Estado. Desta colaboración só poden saír beneficios para a veciñanza".

García felicitou aos premiados e animou a aqueles proxectos que non puideron chegar ao obxectivo de acadar financiamento: "Ames AV Lab é a historia de como levantarase despois de non acadar un obxectivo. Hoxe hai sete proxectos que saen de aquí con 10.000 euros cada un e hai outros tantos que saen cunha valiosa aprendizaxe, formación e contactos que puideron recopilar nestes meses que durou esta primeira edición do Ames AV Lab". Para finalizar, García animou a Formoso continuar cunha segunda edición para consolidar a Ames como un motor do audiovisual galego, un sector estratéxico e con recoñecemento a nivel nacional e internacional.

A continuación interviu o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, felicitou aos gañadores e gañadoras da noite e destacou a elevada calidade dos 15 proxectos desenvolvidos no marco do programa AMES AV-LAB, "que demostran o gran talento que hai en Ames dentro do sector audiovisual, así como a ilusión e traballo que hai detrás de cada unha destas series, películas, curtas ou documentais".

"Agora as vosas producións comezan unha nova fase, que é a de conquistar ao público e estou seguro de que oiremos falar moito dalgunhas delas nos vindeiros meses. A industria audiovisual galega precisa de novos talentos e ideas frescas e innovadoras como as que vemos aquí esta noite" afirmou o presidente.

Formoso destacou que AMES-AV LAB "é un exemplo de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Ames para apoiar ao talento emerxente no audiovisual galego", dentro dunha "aposta estratéxica" do goberno provincial por un sector que concentra máis de 700 empresas, factura 411 millóns de euros e xera 4.500 empregos na nosa comunidade. Unha aposta que culminará o vindeiro ano coa posta en marcha de Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior estudio de produción virtual de España, que a Deputación está construíndo na Cidade das TIC da Coruña cun investimento de 9 millóns de euros, cofinanciando pola institución provincial e o Goberno de España "co que queremos situar a Galicia como un hub audiovisual de referencia en Europa", afirmou o presidente.

Por outra banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, explicou que "Galicia está chamada a converterse nun referente nacional e internacional en produción audiovisual porque a nosa riqueza cultural, as nosas historias e o noso talento humano ofrecen unha oportunidade única para liderar un sector cada vez máis estratéxico no ámbito global". Neste senso, afirmou que o Goberno de España comparte esta visión e traballa para apoiala, proba diso son os máis de 4 millóns de euros que acaba de conceder o Ministerio de Cultura para a produción de longametraxes en Galicia. Finalmente, felicitou aos premiados e ao Concello de Ames e á Deputación porque proxectos coma este "achegan espazos de formación, creación e recoñecemento que fortalecen o ecosistema audiovisual galego".

Proxectos premiados
O acto continuou coa presentación dos proxectos finalistas e dos integrantes da Comisión de Avaliación, que foron os que ditaminaron os proxectos gañadores. Ademais, cómpre destacar o traballo e implicación das empresas que constituíron a Comisión de Gobernanza, entre elas Ficción Producciones, Mirabelle Comunicación, Setemedia Producciones, Zenit TV e Cinemar Films, cuxo papel foi fundamental para o desenvolvemento do programa. Estas entidades, implicadas dende o inicio do laboratorio, achegaron a súa experiencia e coñecemento, asegurando que o Ames AV LAB estivera aliñado coas necesidades da industria e contribuíra á súa profesionalización.
A Comisión de Avaliación estivo formada por expertos do sector, entre os que se inclúen Ficción Producciones, Mirabelle Comunicación, Setemedia Producciones e Fernando Alfonsín, en representación do cadro docente que participou nos últimos meses no laboratorio. Ademais, na Comisión de Avaliación participaron a deputada provincial da área de Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, e maila concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz. Esta comisión desempeñou un papel esencial na avaliación dos proxectos, revisando aspectos como a innovación, viabilidade e calidade de cada proposta. Deste xeito, a Comisión de Avaliación decidiu que os proxectos premiados con 10.000 euros cada un son:
-TRAMOLOXÍA, de Álvaro Alvite (91 puntos). Serie en fase de rodaxe.
-O LAÚRO, de Andrés Sanjurjo (86,77 puntos). Curtametraxe en fase de desenvolvemento e captación de financiamento.
-DOUS NICHOS PARA MARUJA, de Santiago Araujo (83,96 puntos). Curtametraxe en fase de preprodución.
-NEMETO, de Bernárdez Martínez (83,55 puntos). Curtametraxe en fase de escritura do guión e desenvolvemento dun plan de produción.
-42.195 METROS, de Noelia Papín (79,81 puntos). Longametraxe en fase de desenvolvemento.
-ORQUESTA RAIÑA, de Sergio Rodríguez (75,52 puntos). Documental en busca de produción e financiamento.
-SERENADE, de Pedro Díaz (75 puntos). Longametraxe en fase final de desenvolvemento e inicio da fase de financiamento.

Estes premios, concibidos como capital semente, permitirán aos proxectos gañadores avanzar no seu desenvolvemento inicial e atraer novas oportunidades de financiamento.