Estás en:Novas

A Deputación destina 300.000 euros para apoiar proxectos medioambientais na provincia durante 2025

As entidades sen ánimo de lucro poden solicitar as axudas do 16 de decembro ao 16 de xaneiro

A Deputación destina 300.000 euros para apoiar proxectos medioambientais na provincia durante 2025

A Deputación da Coruña abre o vindeiro luns, 16 de decembro, o prazo de solicitudes das subvencións destinadas a entidades sen fins de lucro para o financiamento de actividades e investimentos no eido ambiental durante o ano 2025. Ambas as dúas liñas teñen unha dotación conxunta de 300.000 euros.

Para optar a estas axudas, as asociacións e entidades deben ter carácter privado e sen ánimo de lucro, ademais de estar inscritas no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental de Galicia ou ter como fin a conservación, promoción ou defensa dos recursos naturais, cunha antigüidade mínima de dous anos desde a data de finalización do prazo de solicitude.

O prazo de solicitude arrinca o luns 16 de decembro de 2024 e finalizará ás 14:00 horas do día 16 de xaneiro de 2025. Tanto as solicitudes coma o resto da tramitación do programa realizaranse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación da Coruña.

A liña de subvencións destinada a actividades conta cunha asignación de 200.000 euros, a repartir en axudas que oscilarán entre un mínimo 2.000 euros e un máximo de 25.000. Na liña de investimentos, o orzamento é de 100.000 euros as subvencións serán de entre 2.000 e 30.000 euros por entidade.

"As entidades beneficiarias desenvolverán co apoio económico da Deputación proxectos para actuacións relacionadas co voluntariado ambiental, difusión e sensibilización ambiental, conservación e actuacións relacionadas co cambio climático, sustentabilidade enerxética, desenvolvemento de políticas e estratexias ambientais, posta en valor de recursos naturais, limpeza de praias e outras que promovan a participación social no compromiso co medio ambiente", segundo explicou a deputada responsable da área de Medio Ambiente, Rosa Ana García.

Durante 2024, a Deputación financiou un total de 20 proxectos medioambientais como o de custodia do territorio da Fundación Fragas do Mandeo, a iniciativa "Defende o mar a través do surfing" de Surf and Clean, o festival Mar de Mares da Asociación Redes de Sal, ou o programa de conservación de solos de Vento Noso son algúns dos que contaron este ano co apoio desta liña de subvencións de Medio Ambiente.

Liña de subvencións de actividades:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/12/02/2024_0000008600.html

Liña de subvencións de investimentos:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/12/02/2024_0000008601.html