A Deputación participa no II Foro de internacionalización do camiño Fisterra – Muxía
A casa da cultura de Negreira acolle hoxe esta xornada para abordar os retos e oportunidades deste icónico tramo do Camiño de Santiago
O vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado de deportes, Antonio Leira, participaron na inauguración do foro
A casa da cultura de Negreira é hoxe o escenario de desenvolvemento do II Foro de Internacionalización do Camiño Fisterra – Muxía, unha cita que exerce de punto de encontro entre diferentes axentes do sector para abordar os retos e oportunidades deste tramo do Camiño de Santiago, e que conta co apoio da Deputación da Coruña. O vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado de deportes, Antonio Leira, participaron na inauguración, acompañados da presidenta da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía e alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez; o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis.
Antonio Leira fixo referencia ao traballo da entidade provincial na promoción do Camiño, "con iniciativas como 'A Arte no Camiño' ou a exposición 'As fontes do Camiño', coas que aportamos o noso gran de area para contribuír a mellorar a calidade e a experiencia do Camiño." Leira tamén falou dos "retos" a afrontar. "Non todo é Camiño. Temos que poñernos deberes e falar seriamente de sostibilidade, innovación, promoción global... estratexias que nos permitan aproveitar todas as oportunidades e colaboracións internacionais". Ademais, o deputado falou da necesaria "colaboración institucional e coas diferentes asociacións", e engadiu que "cando nos xuntamos as administracións, somos imparables".
Pola súa parte, Xosé Regueira tamén falou das "oportunidades" do Camiño Fisterra – Muxía, nun "momento tan doce para o turismo como o que estamos vivindo actualmente". Neste sentido, o vicepresidente sinalou que "o turismo é un negocio que debe ser rendible e competitivo", e referiuse a este camiño como "un produto turístico de primeiro nivel para Galiza e para o xeodestino da Costa da Morte", agardando que este foro "sirva para sacar as conclusións correctas para afrontar o futuro do camiño con solidez. Precisamos ser competitivos e acertar nas receitas que temos que empregar para conseguir un futuro máis sostible e responsable co camiño, que non o banalice, o respecte e sexa valioso para a poboación residente".
Trala inauguración e antes do comezo da primeira das mesas, celebrouse unha homenaxe ao ex alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, de quen tanto Leira como Regueira sinalaron que foi "imprescindible" na consecución da prolongación do camiño ata Fisterra – Muxía. "Neste sector e nesta sociedade fai falta perseveranza e paixón, dúas cualidades que se personifican en José Manuel Pequeño", sinalou Regueira.