Estás en:Novas

A Deputación investirá o ano que vén 2,15 millóns en catro liñas de axuda á Cultura

Fundacións, museos, bibliotecas, entidades sen fins de lucro e o sector audiovisual poderán solicitar as subvencións

O prazo de tramitación estará aberto entre o vindeiro 16 de decembro e o 16 de xaneiro de 2025

A Deputación investirá o ano que vén 2,15 millóns en catro liñas de axuda á Cultura

A Deputación da Coruña reforzará en 2025 o seu apoio á Cultura cun investimento de 2,15 millóns de euros repartidos en catro programas de subvencións, dos que se poderán beneficiar fundacións, museos, bibliotecas, entidades sen fins de lucro e o sector audiovisual. O BOP publicou hoxe a convocatoria das catro liñas de axuda, cuxo prazo de tramitación estará aberto entre o vindeiro 16 de decembro e o 16 de xaneiro de 2025.

Entidades de museos, centros de interpretación ou bibliotecas
O primeiro deses programas é o FO215/2025, de subvencións a fundacións, entidades titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas e entidades con función de representación sectorial e colectiva das persoas ou entidades dos ámbitos profesionais e amadores da cultura galega para desenvolver proxectos e realizar actividades culturais na provincia da Coruña durante 2025. Repartirá 550.000 €, cun mínimo de 5.000 € e un máximo de 30.000 € por beneficiario.

Empresas de produción e distribución audiovisual
Co FO301/2025 a Deputación subvenciona a empresas de produción e distribución audiovisual para o apoio á distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante 2025; tanto de propostas (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc.) galegas feitos en Galicia coma de proxectos non galegos feitos fóra da comunidade. Neste caso, o orzamento é de 150.000 €, cun máximo de 30.000 € por beneficiario.

Entidades sen fin de lucro para actividades e investimentos culturais
O programa FO203/2025 vai destinado a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais na provincia da Coruña durante 2025. O importe da consignación ascende a 950.000 €, cun mínimo de 3.000 € e un máximo de 30.000 € por beneficiario.

De 500.000 € é o orzamento que a institución provincial reservou para o programa FO204/2025, de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de investimentos culturais, durante 2025. Os beneficiarios recibirán axudas de entre 3.000 € e 15.000 €.

"Con estas convocatorias anuais", sinalou a deputada de Cultura, Natividade González, "a Deputación quere apoiar os axentes que teñen unha grande importancia dentro do sistema cultural galego". Das entidades sen fins de lucro destacou que "vertebran os procesos de análise, proposición e demanda dos diferentes sectores da nosa cultura, actuando como as asociacións representativas destes na súa interlocución coa administración e no seu traballo de posta en valor e difusión social do seu campo de acción". Tamén puxo en valor o sector audiovisual, "hoxe en día un ámbito estratéxico na creación de contidos culturais para calquera sociedade e, ao mesmo tempo, para o ámbito específico da normalización lingüística, pois resulta obvia a importancia estratéxica que ten a existencia dun espazo de comunicación e cultura propio, vivo e que se desenvolva no idioma do país".

Tamén se referiu ao labor de fundacións, entidades titulares de museos, centros de interpretación e bibliotecas, "depositarias de bens patrimoniais de enorme interese cultural, e impagables colaboradores coas administracións á hora de trasladarlle á cidadanía o coñecemento, a divulgación e a análise da historia, a arte, a cultura e o pensamento social e político".

A tramitación das solicitudes deberá realizarse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación.

As bases das convocatorias poden consultarse e descargarse no BOP do 10 de decembro de 2024: