Formoso felicita a Barbantia por “vinte anos de compromiso coa cultura” na entrega dos premios da entidade
O ferreiro artesán Che Tembra, o dúo musical rianxeiro Barahúnda e o músico noiés Rodrigo Romaní, fundador de Milladoiro, gañadores dos Premios Barbantia da Cultura celebrados hoxe en Muros
A Casa da Cultura de Muros foi o escenario este sábado da entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2024, organizados pola Asociación Cultural Barbantia. O evento celebrou os 20 anos desta entidade, que ten como obxectivo fundamental promover a cultura na comarca de Barbanza e crear pontes de colaboración entre os seus concellos.
O acto contou coa participación do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que na súa intervención destacou o papel de Barbantia como "motor cultural da comarca" e salientou o compromiso da institución provincial coa promoción cultural. Neste sentido, subliñou o investimento de 13 millóns de euros consignados nos orzamentos de 2025 para fomento da cultura en toda a provincia. "A Deputación está presente en todas as disciplinas artísticas, apoiando tanto as grandes urbes como as parroquias máis pequenas", afirmou o presidente provincial, que subliñou que "concibimos a cultura como un elemento igualador da sociedade, ao que todas as persoas deben ter acceso, independentemente do lugar onde vivan".
Os galardóns Barbantia deste ano recoñeceron a traxectoria de Che Tembra, ferreiro artesán e firme defensor dos oficios tradicionais; ao dúo musical rianxeiro Barahúnda; e ao músico noiés Rodrigo Romaní, fundador de Milladoiro. Os premiados foron descritos como "exemplo da rica e dinámica vida cultural de Barbanza".
A cerimonia reafirmou a importancia de traballar en rede para poñer en valor o patrimonio cultural da comarca, compartindo un obxectivo común: garantir que a cultura sexa accesible para todas as persoas, independentemente do seu lugar de residencia ou condición socioeconómica.