Estás en:Novas

A Deputación leva ao Colón unha antoloxía da Nova Galega de Danza os días 17, 18 e 19 de xaneiro

Esta antoloxía reúne tres das súas pezas máis recentes e celebradas ("Leira", "Berro" e "Dique") da compañía que, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, bota o pano da celebración do seu 20 aniversario cun fito único na cidade herculina

Os convites para cada un dos tres espectáculos poden retirarse en ataquilla.com desde este xoves, 19 de decembro, ás 12h

A Deputación leva ao Colón unha antoloxía da Nova Galega de Danza os días 17, 18 e 19 de xaneiro

A compañía Nova Galega de Danza, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, desembarca na Coruña grazas ao apoio da Deputación este mes de xaneiro para presentar no Teatro Colón un fito único: unha antoloxía con tres das súas pezas máis celebradas e recentes: "Leira", "Berro" e "Dique". Nesta 'Antoloxía de Nova Galega de Danza', a muller toma centro do escenario nunha viaxe a través da terra, a raíz, a memoria, a tradición, a resiliencia, o empoderamento e a fortaleza.

Serán tres noites máxicas nunha mesma fin de semana na cidade herculina que, de seguro, pasarán a formar parte da historia da danza na cidade. Con esta iniciativa, a compañía botará o pano da celebración do seu 20 aniversario, iniciada a finais de 2023. Os convites para cada un dos tres espectáculos poden retirarse a través da plataforma Ataquilla desde este xoves, 19 de decembro, ás 12.00h.

Tres espectáculos durante tres días
O venres 17 de xaneiro ás 20.00h terá lugar "Leira", no que o corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo. A muller no centro desta conexión telúrica. Día e noite, xornada tras xornada, repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes de intemperie, habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiro de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os regos arados na terra. Pero Leira é tamén a sinxela alegría do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo; é a celebración dunha Galicia intemporal e máxica. O espectáculo foi galardoado co Premio Max ao mellor intérprete masculino de danza -Iván Villar- en 2021, na XXIV edición dos premios, onde foi tamén finalista como mellor espectáculo de danza.

O sábado 18 de xaneiro ás 20.00h será a quenda de "Berro", que representa o baleiro que supón ser individuos sós e illados nunha sociedade sen memoria, que debe procurar o movemento que lle lembre o seu pasado. Nunha viaxe que conecta os estados emocionais, a peza amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral -a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa- a través da experiencia colectiva, sentindo a transformación na expresión do corpo.

E, o domingo 19 de xaneiro ás 20.00h, a antoloxía rematará con "Dique", que nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar unha historia esquecida. É un espectáculo arredor da memoria local, con raíces no Ferrol natal de Nova Galega de Danza. Unha creación de homenaxe e de reflexión actual a partir da historia. Unha peza universal que fusiona o baile tradicional e a linguaxe contemporánea, característica que desde sempre forma parte da identidade da compañía.

A Deputación leva, deste xeito, a obra desta senlleira compañía ao escenario do Teatro Colón, promovendo o acceso a este espectáculo a toda a veciñanza da provincia, que poderá gozar dunha antoloxía única.