Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financia con 60.000 euros o Proxecto Ríos de ADEGA

A Deputación da Coruña financia con 60.000 euros o Proxecto Ríos de ADEGA

A Deputación da Coruña apoia o Proxecto Ríos, impulsado pola Asociación ecoloxista ADEGA, no territorio da provincia.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, o da entidade, Roi Cuba Dorado asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Deputación financia o proxecto con 60.000 euros, o 80% do orzamento total da actividade. No acto participou tamén a deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García.

O Proxecto Ríos naceu en 2005 cos propósitos de divulgar a situación ambiental dos nosos cursos fluviais, contribuír a incrementar a concienciación ambiental a través da participación cidadá e achegar solucións aos problemas asociados á auga e aos ríos, así como de convertese nun referente nos programas de educación e voluntariado ambiental.

Durante este tempo, realizáronse máis de 300 saídas formativas con entidades da provincia, 40 cursos de formación e actividades nos ríos con máis de 400 grupos de voluntariado.