A Deputación da Coruña destina 125.000 euros para cofinanciar a programación cultural, artística e científica da USC
Valentín González Formoso e Antonio López asinaron hoxe o convenio de colaboración
Os programas de detección de talento e as actividades culturais da USC contan co apoio da Deputación
A Deputación da Coruña cofinancia con 125.000 euros a programación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para o fomento da educación, a investigación, a transferencia do coñecemento e as actividades culturais, artísticas e científicas durante o ano 2024.
Este convenio, que asinaron hoxe na sede da institución provincial o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o reitor da USC, Antonio López, supón o financiamento do 80 % do orzamento total da programación, que ascende a 156.200 euros. Ao acto asistiu tamén a deputada de Cultura, Natividad González.
Este acordo de financiamento supón, entre outras cuestións, un apoio fundamental para os programas de detección e captación de talento do estudantado coma Estalmat, orientado a detectar aptitudes matemáticas avanzadas entre os estudantes de secundaria e proporcionarlles un programa formativo adaptado ao seu talento, ou "A Ponte entre a USC e o Ensino Medio" para a captación do alumnado cos mellores expedientes procedentes do bacharelato e ciclos formativos.
A colaboración económica da Deputación serve tamén para impulsar a completa programación cultural anual da universidade, con actividades de teatro, música, danza e exposicións, así como congresos e seminarios e o Programa Universitario "Camiños de Coñecemento e Experiencia" para maiores de 50 anos, que se desenvolve nas comarcas da Santiago para as persoas que non poden seguir os cursos nas instalación universitarias.
Con estes fondos, a USC financia tamén parte da restauración e catalogación do seu patrimonio histórico-artístico e do desenvolvemento do Museo Virtual, así como o programa Faíscas Culturais, que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas.
Programas que axudan a captar talento entre a mocidade
Formoso destacou a importancia deste tipo de colaboracións xa que "permiten manter programas importantes para de detección e captación do talento entre a nosa xente moza, axudan a promover a cultura entre os estudantado universitario e contribúen ao avance do coñecemento"
Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, afirmou que "sempre é una boa nova renovar a colaboración que manteñen dúas institucións como a USC e a Deputación da Coruña porque o esforzo compartido amplifica o resultado e capacidade de conseguir resultados", afirmou.
Formoso e López asinaron tamén hoxe os convenios para a celebración, o pasado mes de outubro, da 27 Conferencia Europea en Intelixencia Artificial (ECAI), que reuniu en Santiago de Compostela aos principais expertos europeos en Intelixencia Artificial, cunha achega económica de 50.000 euros por parte da Deputación, e o convenio para colaborar na organización das xornadas sobre seguridade viaria e atención a vítimas de accidentes celebradas a pasada semana no Pazo Mariñán coa colaboración de STOP Accidentes, a USC e a Deputación.