Estás en:Novas

A Deputación da Coruña pecha o ano con preto de 5 millóns de euros en axudas para autónomos, das que se beneficiaron 2.198 profesionais

A Deputación publica hoxe a resolución de 1.092 axudas por importe de 2,6 millóns para autónomos con máis de cinco anos de actividade e domicilio fiscal en concellos de menos de 10.000 habitantes

Súmanse ás 1.106 axudas concedidas o pasado mes de xuño para autónomos con menos de cinco anos de actividade e domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación da Coruña pecha o ano con preto de 5 millóns de euros en axudas para autónomos, das que se beneficiaron 2.198 profesionais

A Deputación da Coruña pecha 2024 con preto de 5 millóns de euros en axudas concedidas para autónomos, das que se beneficiaron un total de 2.198 profesionais con domicilio fiscal nos pequenos concellos da provincia.

A Deputación publica hoxe no BOP a resolución definitiva da concesión da segunda liña de axudas PEL para Autónomos Consolidados do Plan de Emprego Local (PEL), que destina un total de 2.599.177,03 euros en 1.092 axudas a outros tantos profesionais autónomos con máis de cinco anos de exercicio empresarial e domicilio fiscal nun concello de menos de 10.000 habitantes.

As axudas, que oscilan entre os 1.200 e os 2.400 euros por beneficiario/a, van destinadas ao pago de parte das cotas da Seguridade Social dos traballadores/as por conta propia e súmanse aos 2,3 millóns xa concedidos na primeira convocatoria do PEL-Autónomos deste ano, que beneficiaron a un total de 1.106 profesionais con menos de cinco anos de actividade e domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, subliñou "a importancia clave dos autónomos na economía e na creación de emprego en Galicia", un colectivo ao que pertencen máis de 205.000 persoas na nosa comunidade. "Por iso decidimos ampliar as axudas PEL para autónomos, que cada ano son das máis demandadas, así como incrementar o seu orzamento ata case 5 millóns de euros, co obxectivo de atender o maior número de solicitudes posible", apuntou.

O presidente incidiu tamén en que as axudas "van destinadas aos profesionais autónomos que exercen nos concellos de menor tamaño da provincia, coa intención de favorecer o emprego e contribuír á fixación de poboación no rural, un dos obxectivos estratéxicos do goberno da Deputación".

Das 1.092 persoas beneficiarias desta segunda liña do PEL-Autónomos, 464 son mulleres autónomas, o que supón un 42,49 % da totalidade das concesións.

Segundo o domicilio fiscal, obsérvase que os municipios de entre 2.000 e 4.000 habitantes son os máis numerosos entre as persoas beneficiarias con 555 axudas concedidas (50,82% do total). Os concellos con maior número de axudas concedidas neste rango poboacional son: Mazaricos con 113, Tordoia, con 52, e Val do Dubra, con 46. Entre elas suman un total de 501.600,00 euros

Os municipios de menos de 2.000 habitantes concentran o resto das solicitudes concedidas, sendo os municipios máis beneficiados Monfero, con 66 axudas concedidas, o que supón un total de 154.600,00 euros; Sobrado, con 56 solicitudes concedidas por importe de 134.400,00 euros, e Aranga, con 55 concesións, o que suma 131.400,00 euros; seguidos de Santiso (110.777,03 euros), Toques (107.600,00 euros) e Corcubión (84.600,00 euros) con 46, 45 e 36, respectivamente. Estes municipios concentran o 49,18% das solicitudes concedidas.

En canto a distribución das concesións por comarcas, Santiago é a que concentra un maior número de solicitudes concedidas, con 364, o que representa o 33,33%, por un importe de 865.777,03 euros; seguida da Comarca de Ferrol con 229 concesións, un 20,97% do total por un importe de 543.200,00 euros.

Por tipo de actividade, o sector primario é o máis favorecido con 630 solicitudes concedidas, o que supón un 57,69 % das concesións, seguido pola actividade do sector terciario 364 solicitudes concedidas 33,33 %. No sector secundario destaca a actividade da construción e reformas, o 5,13 %

Ningunha das persoas beneficiarias desta nova liña tiña sido beneficiaria previamente doutras axudas para autónomos da Deputación da Coruña.

Axudas PEL-Autónomos Consolidados (Máis de cinco anos de exercicio empresarial e domicilio fiscal en concellos de menos de 10.000 habitantes)

BOP 17 de decembro de 2024

Axudas PEL-Autónomos 1 (Menos de cinco anos de exercicio empresarial e domicilio fiscal en concellos de menos de 20.000 habitantes)
BOP 12 de xuño de 2024