Estás en:Novas

A Sala Astano reabre as súas portas en Exponav Ferrol

O presidente da Deputación asistiu á reapertura da sala dedicada á historia do estaleiro

A Sala Astano reabre as súas portas en Exponav Ferrol

Exponav, o Museo da Construción Naval de Ferrol, celebrou hoxe a reapertura da sala Astano, un espazo renovado comisariado por José María de Juan-García Aguado e Antonio Loureiro Arias que rende tributo á contribución fundamental do estaleiro Astano na historia da construción naval e do desenvolvemento industrial da comarca de Ferrolterra.

O acto contou coa asistencia do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que destacou que "é un espazo para comprender o que fomos e imaxinar o que podemos ser. Porque a construción naval de Ferrolterra segue tendo un papel clave no desenvolvemento da nosa economía e na nosa proxección internacional".

Fundado en 1941, Astano consolidouse como un dos estaleiros máis relevantes de Europa e do mundo. Nos seus anos dourados destacou pola construción de superpetroleiros de máis de 300 metros de eslora, converténdose nun símbolo de vangarda tecnolóxica e xerando milleiros de postos de traballo na comarca.

A renovada sala Astano permite explorar esta rica historia a través de obxectos, maquetas, ferramentas e fotografías que narran o impacto do estaleiro na economía local e no panorama internacional. O espazo tamén destaca polo seu enfoque educativo, orientado a transmitir ás novas xeracións o valor do patrimonio industrial de Ferrolterra.