A Deputación subvencionará con 800.000 euros o gasto do persoal das oficinas de turismo municipais en 2025
Poderán acollerse á liña de axuda os concellos de menos de 50.000 habitantes, que recibirían entre 10.000 e 20.000 euros
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 19 de decembro e o 16 de xaneiro de 2025
A Deputación investirá 800.000 euros no programa DP0029, de subvencións a concellos e agrupacións de concellos da provincia da Coruña de menos de 50.000 habitantes para o financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo en 2025. Os beneficiarios recibirán entre 10.000 e 20.000 euros, sempre o cen por cento do importe solicitado. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o vindeiro 19 de decembro e o 16 de xaneiro de 2025.
Os municipios de menos de 10.000 habitantes que non dispoñan de áreas de Turismo nin persoal asignado á xestión de turismo no seu organigrama, ou que non conten con grandes infraestruturas de aloxamento, pero que no seu territorio dispoñan de espazos, bens ou outros recursos capaces de xerar dinámicas positivas para o turismo, estacional ou eventualmente, poderán solicitar a subvención mediante a agrupación de polo menos tres concellos limítrofes.
Serán obxecto de subvención neste programa os postos de traballo que estean desempeñados por persoal funcionario ou laboral fixo ou temporal, pero tamén a contratación externa do servizo.
"En Turismo da Deputación", explica o titular do departamento e vicepresidente coruñés, Xosé Regueira, "estamos moi satisfeitos con este programa de subvencións que, desde 2107, lle dá traballo no ámbito territorial da provincia a arredor de 50 persoas e tamén servizo a medio cento de entidades municipais". "Non todo é falar e promover", engade, "senón que hai que organizar recursos e estruturar o produto, e para iso son imprescindibles as persoas que saen formadas das universidades en materia de turismo".
Tanto as solicitudes como o resto da tramitación da convocatoria realizarase por vía telemática, a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación.
As bases do poden consultarse e descargarse no BOP do 16 de decembro.