O Conservatorio Profesional de Danza da Deputación dá a benvida ao Nadal coa interpretación de ‘Kalatiki’
Máis de medio cento de alumnas e alumnos do centro desenvolveron no Teatro Colón a obra inspirada na illa máis remota do mundo
O Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña deu onte a benvida ás festas co seu tradicional festival de Nadal. Fíxoo coa interpretación da obra 'Kalatiki' nun Teatro Colón que se encheu de público para este tradicional evento do Nadal.
Máis de medio cento de alumnas e alumnos do centro de formación artístico interpretaron a danza, dividida en 14 franxas, e ambientada no punto Nemo, o lugar que o escritor Julio Verne definiu como o máis afastado da terra firme, de non ser pola illa Kalatiki, na que arrecifes de coral, seres fantásticos, piratas e tesouros conviven.
Onte á noite, todos eses habitantes atoparon o porto da Coruña a través da luz da lendaria Torre de Hércules e fixeron gozar os espectadores e espectadoras coas súas danzas no Teatro Colón.
O Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña está dirixido na actualidade por Carmen Ponlla e está especializado en danza clásica. Desde a súa creación no ano 1990 o seu alumnado obtivo importantes distincións nacionais e internacionais. De feito, algúns dos bailaríns e bailarinas formados no Conservatorio da Deputación estiveron ou están hoxe en importantes compañías de danza de todo o mundo.