Estás en:Novas

Cedeira acolle mañá a primeira sesión do III Seminario Intensivo de Defensa Persoal Feminina da Deputación

As sesións están dirixidas a mulleres de 12 a 70 anos, e ademais de Cedeira, desenvolveranse en Ordes, Valdoviño, Negreira, A Pobra do Caramiñal, Cerceda, Arzúa e Outes

Cedeira acolle mañá a primeira sesión do III Seminario Intensivo de Defensa Persoal Feminina da Deputación

O deputado de Deportes, Antonio Leira, asiste mañá no polideportivo municipal de Cedeira á primeira sesión do Seminario Intensivo de Defensa Persoal Feminina 2025, organizado pola Sección de Deportes da Deputación da Coruña por terceira ocasión, e que pasará por oito concellos da provincia nos vindeiros meses.

Estes seminarios están dirixidos a mulleres de idades comprendidas entre os 12 e 70 anos, e empadroadas en calquera dos concellos da provincia da Coruña. Os talleres serán de balde e terán unha duración de tres horas, cun máximo de 80 participantes por sesión.

Despois da sesión en Cedeira desta fin de semana, o seminario continuará o 18 de xaneiro en Ordes, para continuar o 8 de febreiro, en Valdoviño, e o 22 de febreiro, en Negreira. Xa en marzo, haberá sesións os días 8, 15 e 22, na Pobra do Caramiñal, Cerceda e Arzúa. O último taller do ciclo terá lugar o 12 de abril, en Outes.

As solicitudes de participación realizaranse, nos prazos sinalados, nos propios concellos de realización do seminario, ou ben a través dos diferentes formularios de inscrición, dispoñibles en https://dacoruna.gal/deportes/seminario-intensivo-defensa-persoal-femenina/.