Estás en:Novas

A Deputación aproba 289.000 euros para un novo tramo da Vía Verde en Santiago

O pleno da Deputación aprobou esta mañá dous convenios, un para financiar con 289.216,39 euros o tramo 2.1 da Vía Verde, dunha lonxitude de 3,1 quilómetros, e outro para o mantemento de tramos xa existentes, ao que destinará 128.000 euros

A Deputación aproba 289.000 euros para un novo tramo da Vía Verde en Santiago

O pleno da Deputación da Coruña aprobou esta mañá un convenio de colaboración co Concello de Santiago de Compostela para financiar o tramo 2.1 da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle. Para este fin, a entidade provincial aportará 289.216,39 euros.

O treito 2.1 da Vïa Verde, que discorre ao completo polo termo municipal de Santiago de Compostela, conta cunha lonxitude a acondicionar de 3.170 metros, dende o punto quilométrico 7+010, no acceso á aldea de Ramelle, ao 10+180, na ponte sobre o río Tambre. Neste tramo contémplanse as obras necesarias para o uso do trazado por cicloturistas e camiñantes, con actuacións sobre o firme e a drenaxe, ou a construción de muros, varandas e outros elementos de seguridade.

Este proxecto é a primeira das dúas subfases necesarias para completar o tramo II da Vía Verde, a parte que resta para completar dita infraestrutura, e que ten unha extensión total de oito quilómetros. Neste senso, as obras no tramo I, que vai dende a estación da Sionlla ata o punto quilométrico 2+200, arrincaron o pasado mes de setembro, iniciando a conexión de Santiago coa maior Vía Verde de Galicia.

En total, o conxunto das actuacións nos tramos I e II suporán un investimento de máis de 1,8 millóns de euros e permitirán sumar 10 quilómetros máis aos 26 que xa compoñen a Vía Verde, a maior de Galicia, atravesando os concellos de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda.

Convenio para o acondicionamento de tramos xa existentes

Ademais, a sesión plenaria aprobou un novo convenio coa Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, destinado ao acondicionamento e mantemento de diferentes treitos xa existentes desta infraestrutura. A Deputación financiará ditas actuacións con 128.000 euros, que se corresponden a preto do 86% do importe total orzamentado, que ascende a 149.108,84 euros.

As actuacións de mellora recollidas neste acordo inclúen a recuperación de camiños de servizo e trazados alternativos á Vía Verde, a mellora do alumeado do túnel situado no concello de Oroso, a consolidación de noiros para evitar desprendementos, a recollida de augas pluviais con orixe en pasos elevados e obras de drenaxe.