A Deputación aproba un investimento de 560.000 euros para a compra dos novos locais de ASPERGA e ASPANAES na cidade da Coruña
O pleno aprobou hoxe por unanimidade os dous convenios, que permitirán a ambas entidades dotarse de novos locais adaptados ás súas necesidades desde os que ofrecer servizos aos seus usuarios
Formoso destaca "o apoio fundamental" que ambas entidades prestan ás persoas con TEA e as súas familias
O pleno Deputación da Coruña aprobou hoxe un investimento de 560.000 euros para a apoiar ás asociacións ASPERGA e ASPANAES na compra de dous novos locais na cidade herculina que ambas entidades precisan para mellorar a atención aos seus usuarios e usuarias.
O apoio económico da Deputación materialízase a través de dous convenios de colaboración refrendados por unanimidade na sesión plenaria deste venres.
O presidente, Valentín González Formoso, destacou que este importante investimento servirá para que ambas as dúas entidades, con centos de socios, "podan dispor de sedes dignas e acordes ás súas necesidades, desde que as que prestan un apoio fundamental para a inclusión sociolaboral das persoas con TEA e para dar soporte as súas familias".
A colaboración da Deputación chega despois das visitas do presidente a ambas entidades durante os últimos meses nas que, entre outras cuestións, trasladaron a necesidade de dotarse destes locais.
Segundo os datos das entidades, en Galicia viven máis de 27.000 persoas diagnosticadas con Trastornos do Espectro Autista. A Deputación colabora coas entidades de persoas con TEA financiando múltiples programas de inclusión e fomento da autonomía persoal e melloras nas súas instalacións.
ASPERGA
Por unha banda, ASPERGA contará coa colaboración da Deputación para adquirir un local axeitado para exercer como sede e ofrecer servizos sociosanitarios destinados a persoas con autismo con grao de apoio 1 e 2 e as súas familias. O valor de compra deste inmoble, situado na Avenida de Oza 240, é de 375.000 euros, dos que o 80% (300.000 €) serán aportados pola Deputación.
ASPERGA naceu en 2006 e a súa actividade está baseada en crear e organizar de diagnóstico e detección temperá de TEA; na atención especializada sanitaria e social; na terapia psicolóxica individual e en grupo; na pedagoxía, logopedia e terapia ocupacional; na formación para docentes e profesionais; e na orientación socio laboral para o emprego.
Actualmente, a entidade conta con arredor de 500 socios e socias aos que se prestan servizos especializados nos centros da Coruña e Santiago de Compostela a través da facilitación da inclusión social, a promoción da práctica do deporte ou a realización de terapias psicolóxicas, logopédicas, de terapia ocupacional e valoracións específicas en TEA. Actualmente, é o único centro da provincia especializado en persoas con autismo de grao tipo 1 e 2, sen discapacidade intelectual nin deterioración da linguaxe.
ASPANAES
Por outra banda, o convenio de colaboración entre a Deputación e ASPANAES permitirá que Asociación de Pais de Persoas con TEA da Provincia da Coruña adquira un local para prestar servizos de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal.
O local, sita no número 2 da rúa José Pascual López Cortón da cidade da Coruña, suporá un investimento de 326.700 euros, dos que 261.360 € (un 80%) serán achegados pola institución provincial.
A provincia da Coruña supón o 67,74% da área de influencia de ASPANAES, que presta atención a centos de persoas con TEA e as súas familias. Para prestar o servizo solicitado, a entidade conta cun equipo humano de 14 profesionais, distribuído en cinco psicólogas e psicólogos, dúas psicopedagogas, catro logopedas, dúas educadoras sociais e unha que ocupa o cargo de terapeuta ocupacional.