Cultura da Deputación convoca o III Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia
O prazo de presentación de propostas estará aberto entre o 10 de xaneiro e o 11 de febreiro de 2025
Repartirá 200.000 euros entre os 15 proxectos seleccionados: 20.000 € para cada un dos tres mellor puntuados, 14.000 € para os cinco seguintes e 10.000 € para os sete restantes
O departamento de cultura da Deputación renova a aposta por unha das liñas de traballo estrela da súa programación, o Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia, que chega en 2025 á súa terceira edición para seguir contribuíndo á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galicia.
Entre o 10 de xaneiro e o 11 de febreiro do ano que vén estará aberto o prazo de presentación de proxectos, dos que se escollerán os quince mellores, polos vinte premiados en 2021 e 2023. Mantense a dotación do Fondo: 200.000 euros, repartidos agora deste xeito: 20.000 € para cada un dos tres mellor puntuados, 14.000 € para os cinco seguintes e 10.000 € para os sete restantes.
Nesta terceira edición o certame poñerá o foco en dous ámbitos de contido: o primeiro, os proxectos centrados na posta en valor patrimonial, turístico e socioeducativo do pasado medieval de lugares, vilas e cidades da provincia da Coruña, a través da actualización do seu relato histórico contextualizado no marco do Reino de Galicia; o segundo, os proxectos centrados na difusión e posta en valor de figuras concretas do noso pasado medieval.
Só se poderán presentar ao certame propostas que se vaian desenvolver do 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2025, e sempre na provincia da Coruña.
"Con esta convocatoria, damos un terceiro paso, e non pequeno, para combater a desmemoria e o esquecemento sobre o pasado medieval de Galicia", explica a deputada de Cultura, Natividade González. "A sociedade galega actual precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor na actualidade e poderse pensar con máis capacidade cara ao futuro".
Para González, figuras como Pardo de Cela, Xelmírez ou Don García, a revolta burguesa das Irmandades contra o poder feudal dos señores ou a propia existencia na actual Catedral de Santiago dun Panteón Real "son algúns dos moitos elementos que nos interpelan aínda hoxe como sociedade, á espera de por medio deles podérmonos coñecer, recoñecer e interpretar de maneira máis consciente e rigorosa, á marxe de caricaturas ou paradigmas instalados durante séculos".
Os proxectos presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica SUBTEL.
As bases da convocatoria poden consultarse e descargarse no BOP do 20 de decembro.