Culturgal contará este ano cunha subvención de 46.000 euros da Deputación da Coruña
"A achega permitirá facer posibles iniciativas coma o Cultural Expandido, esa aposta da feira por ir reducindo a distancia entre cidades, vilas e pobos, e levar o Culturgal ata localidades con carácter máis rural para apoiar a súa actividade cultural", dixo a deputada de Cultura, Natividade González, logo da sinatura hoxe do convenio
A Deputación da Coruña apoia en 2024 a Culturgal cunha subvención de 46.000 euros, o 20,5 por cento o orzamento da Feira da Culturas Galegas. Asinaron o convenio, esta mañá na sede provincial, a deputada de Cultura coruñesa, Natividade González, e o presidente de Culturgal, Víctor López.
González puxo en valor un acordo que "permitirá facer posibles iniciativas coma o Cultural Expandido, esa aposta da feira por ir reducindo a distancia entre cidades, vilas e pobos, e levar o Culturgal ata localidades con carácter máis rural para apoiar a súa actividade cultural".
Foi o caso este ano de Arzúa, a primeira sede expandida na Coruña do Culturgal, que no mes de outubro levou á localidade coruñesa a Xurxo Souto, Lucía Aldao, Magín Blanco, Su Garrido Pombo, Miguel Guido ou Alberto Mancebo, entre outros.
"No departamento de Cultura", explicou a deputada, "temos a obriga de apoiar iniciativas que traballen pola cooperación e formación de redes de apoio mutuo entre profesionais, empresas e institucións do sector, á vez que facilitan o contacto directo co público". "E iso", engadiu, "leva facendo o Culturgal desde a súa primeira edición en 2007; dezasete anos nos que se erixiu en principal punto de encontro entre cultura e sociedade: nun escaparate para as novidades artísticas e creativas no mundo do libro, o teatro, o audiovisual, a música, a tecnoloxía e a arte contemporánea".