Estás en:Novas

A Deputación destina 83.000 euros para a ampliación da residencia de maiores de Boimorto

A institución provincial financiará preto do 14% da actuación, que creará catorce novas prazas de residencia, alcanzando deste xeito as 54

A Deputación destina 83.000 euros para a ampliación da residencia de maiores de Boimorto

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, asinaron esta mañá un convenio de colaboración mediante o que a institución provincial achegará 83.320,47 euros para financiar as obras de ampliación do centro de día e residencia de maiores da vila. Dita achega supón o 13,79% do orzamento total do proxecto, que ascende aos 604.150,59 euros.

Dende a súa construción en 2011, estas instalacións veñen experimentando diferentes melloras como consecuencia da gran demanda de prazas na contorna, o que tamén provocou o crecemento da lista de espera de ingresos, xa sexa pola situación socio-familiar da persoa, o seu grao de dependencia, o as condicións de habitabilidade da súa vivenda, entre outras causas.

Neste senso, as actuacións que se executarán servirán para aumentar a capacidade actual en catorce prazas de residencia, distribuídas en cinco dormitorios dobres e catro simples, un deles destinado a enfermería, e todos co cadanseu baño independente.

Deste xeito, ao remate das obras pasará a haber un total de 54 prazas na residencia, ás que se engaden as 20 prazas xa existentes no centro de día. A ampliación inclúe ademais dous aseos públicos, un aseo para persoal, un oficio sucio e outro oficio limpo, así como a instalación do sistema de calefacción e de auga quente sanitaria.