A Deputación impulsa o Centro A Fusquenlla, pioneiro na transformación de produtos agrícolas de cercanía en Galicia
Formoso destaca que o centro "é unha aposta polo rural que comezou en Ferrolterra e que se ten convertido nunha referencia no seu ámbito en Galicia"
O presidente da Deputación visitou tamén a granxa A Esperanza, a maior explotación galega de raza Jersey, que produce leite de elevada calidade
A Deputación da Coruña destina 80.000 euros a financiar a ampliación e mellora do equipamento do Centro de Desenvolvemento Rural A Fusquenlla, un dos 11 centros integrados na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, xestionado coa colaboración dos concellos de Moeche, Cerdido, San Sadurniño, Valdoviño, Narón, As Pontes e Cedeira.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, asinaron hoxe na localidade o convenio polo que a Deputación achegará 80.000 euros, o 48% dun orzamento total de 167.963 €, para dotar ao centro de nova maquinaria e equipamento destinado á transformación de produtos agrarios, apícolas e hortofrutícolas de proximidade.
Formoso destacou que o o investimento permitirá ampliar a capacidade de produción, a gama e a calidade dos produtos elaborados nun centro que "comezamos como unha aposta pioneira polo rural en Ferrolterra e que nestes anos se ten consolidado e convertido nunha referencia no seu ámbito a nivel galego, sumando xa sete concellos da comarca e beneficiando a decenas de pequenos produtores e produtoras locais".
O centro A Fusquenlla, situado nunha nave do recinto feiral de San Ramón en Moeche, dá resposta á necesidade dos pequenos produtores locais da comarca de aproveitar os excedentes das súas colleitas que non consumen ou comercializan en fresco para a produción de zumes, marmeladas, conservas e outros produtos elaborados destinados á venda ou autocosumo, cos pertinentes rexistros e garantías sanitarias.
A achega económica da Deputación permite ao centro A Fusquenlla dotarse de maquinaria para a mobilización de cargas, como un apilador eléctrico con traspaleta, conxelador, mesas rotativas automatizadas, limpadora de pole con aire e secadoiro de pole, autoclave para procesos de esterilización e pasteurización, banco de decantación calefactado, muíño eléctrico para froitas, licuadora industrial, máquinas deshidratadoras e envasadoras, termómetros con sonda ou medidores de PH.
Renovación da piscina municipal
Na visita a San Sadurniño, Formoso, García e o deputado de Deportes, Antonio Leira, asinaron tamén o convenio para financiar as obras de renovación da piscina municipal, que suporá un investimento de 64.000 euros, dos que a Deputación achegará 50.000 €, o 80%.
As obras consistirán na impermeabilización do vaso da piscina, que conta xa con 25 anos de antigüidade, a renovación do peche perimetral de malla metálica e a substitución dos canalóns dos vestiarios, que presentan un estado moi deteriorado.
Visita á granxa A Esperanza
Na súa visita a San Sadurniño, Formoso visitou tamén a granxa A Esperanza, pertencente á Cooperativa Agraria Provincial (CAP) da Coruña, propietaria tamén da marca Bico de Xeado, premio PEL 2024 á mellor iniciativa transformadora do rural da provincia da Coruña.
Acompañado do presidente da cooperativa, José María Cal; do director, José Luis Cabarcos e dos responsables da explotación, o presidente da Deputación visitou as instalacións da granxa e interesouse polo seu funcionamento.
Os responsables da mesma explicaron que A Esperanza conta con preto de 900 cabezas de gando da raza Jersey, das que 400 son vacas leiteiras. O leite que producen estas vacas é de elevada calidade, con máis graxa e proteína que o das frisonas, aínda que en menor cantidade.
A granxa, que conta con oito persoas empregadas, aposta tamén pola tecnoloxía e a innovación, cunha moderna plataforma rotativa de ordeño, sistemas de control tecnolóxico individualizado dos animais para coñecer e monitorizar o seu estado de saúde e detectar calquera incidencia ou sistemas automatizados de mantemento dos establos, "pero o máis importante son as persoas que traballan nela", afirman os responsables da explotación.