Estás en:Novas

A Deputación apoiará o Club de Remo Pobra con 100.000 euros para a compra de novas embarcacións e equipamento tras o incendio da súa sede

O presidente Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron esta tarde a sede do Club de Remo Pobra

A Deputación apoiará o Club de Remo Pobra con 100.000 euros para a compra de novas embarcacións e equipamento tras o incendio da súa sede

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron esta tarde a sede do Club de Remo Pobra, tras o incendio que o pasado 5 de xaneiro afectou gravemente ás súas instalacións.

Acompañados do alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, e de membros da directiva do club pobrense, Formoso e Leira constataron os graves efectos do sinistro, que calcinou completamente a nave e as numerosas embarcacións, material e equipamento que se almacenaba nela.

Formoso, como presidente tamén do Consorcio Provincial Contraincendios, agradeceu o traballo dos bombeiros na extinción do incendio e trasladou "a solidariedade" da provincia e da Deputación da Coruña co Club de Remo pobrense, "co que mantemos unha estreita relación dende hai décadas".

"Imos intentar recuperar o ánimo de todos os rapaces e rapazas que están vinculados ao club, para que saiban que non están sós, que a Deputación da Coruña, xunto con outras administracións, imos a facer un esforzo para recuperar isto e imos inxectar xa unha cantidade económica importante para que poidan comprar equipamentos e que recuperen de forma inmediata a actividade deportiva".

Formoso aclarou que a achega económica da Deputación, de entorno a 100.000 euros, destinarase a renovar as embarcacións e equipamentos destruídos polo lume e que a partida económica de 300.000 euros que a Deputación tiña prevista para a ampliación da nave "terá que ser reformulada", en función da situación futura do club, xa que a nave actual quedou seriamente danada polo incendio.

"O esforzo aquí ten que ser das tres administracións que temos competencias en deporte: o Concello, a Xunta e a Deputación; e as tres estamos comprometidas nese camiño. É unha oportunidade para renovar as instalacións e para demostrar para que serven as administracións, para estar aí cando realmente se necesita", salientou.

Pola súa parte, o presidente do Club de Remo Pobra, Emilio Dieste, agradeceu o apoio da Deputación e comentou que "todas as peticións que estamos facendo se están atendendo, todas as portas as que estamos chamando están respondendo de xeito eficaz e eficiente".

Ademais, amosou a intención da entidade de seguir competindo: "a competición comeza nunha semana, o día 18 de xaneiro temos a primeira regata e imos sacala adiante coa axuda do Concello e os demais clubs. Vamos a traballar en precario, vai a ser duro pero vamos a sacalo, esta fin de semana xa imos a sacar tres traiñeiras en Bueu".

O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, afirmou que "o Concello vai a responder, vamos a intentar facer todo o posible para que o club continúe co seu traballo diario, que é o importante".

Vidal agradeceu tamén o apoio recibido pola Deputación e a visita que o deputado de Deportes, Antonio Leira, realizou á sede do club ao día seguinte do incendio para interesarse persoalmente polas consecuencias do sinistro e comezar a buscar fórmulas de apoio desde a institución provincial.