Estás en:Novas

A Deputación participará na Feira GastroLexítimo de Paderne cun espazo propio para promocionar os produtos locais

O vicepresidente, Xosé Regueira, reuniuse co alcalde de Paderne para abordar a presenza da entidade provincial neste evento "que encaixa á perfección coa nosa marca gastronómica", sinalou Regueira

A Feira GastroLexítimo, que ten lugar a comezos de verán na aldea de A Esperela, pon en valor a actividade bodegueira da comarca así como a súa gastronomía e cultura

A Deputación participará na Feira GastroLexítimo de Paderne cun espazo propio para promocionar os produtos locais

O concello de Paderne acolleu a visita do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, que se reuniu co alcalde, Sergio Platas, para abordar a participación da entidade provincial na Feira GastroLexítimo que se celebra na aldea da Esperela a principios de verán para poñer en valor a actividade bodegueira da comarca, así como a súa gastronomía e cultura.

"Para nós é un orgullo poder participar neste evento, que encaixa á perfección coa nosa campaña turística e gastronómica 'A provincia que sabe', e que celebra a identidade da comarca, da provincia e do país" sinalou Regueira. "Ademais de promocionar os produtos e a gastronomía locais, esta feira dinamiza a actividade turística, cultural e de ocio, polo que dende a Deputación queremos apoiala e reforzar a súa programación".

Ademais, o vicepresidente referiuse á "relevancia" de que se celebre "nunha aldea singular, involucrando a toda a veciñanza, dun concello rural que forma parte dun territorio como a Reserva da Biosfera, fundamental para o turismo da provincia e que está xogando un papel clave no fomento da gastronomía centrada no quilometro cero e de calidade, e nos produtos artesanais".

"Todos estes ingredientes", engadiu Regueira, "converten á Feira Gastrolexítimo nun espazo de especial interese para a Deputación, que nos permite non só promocionar territorio, produto e identidade, senón tamén contribuír á xeración dun impacto socioeconómico moi positivo na súa contorna".