Estás en:Novas

Comezan as representacións da obra ‘Menú-do día’ con posteriores faladoiros, que forman parte da campaña “Liberdade de ser e sentir” de Igualdade da Deputación

O xoves 16 de xaneiro terá lugar a primeira representación na Casa da Cultura de Pontedeume ás 19:30, para continuar o venres 17 de xaneiro ás 19:30 no Auditorio Municipal de Cedeira; o sábado 18 de xaneiro ás 19:00 na Capela da Madanela de Arzúa e o venres 24 de xaneiro ás 20:30 no Novo Auditorio de Ribeira

Despois de cada unha das representacións haberá un faladoiro a cargo da Asociación Alas A Coruña; actividades que forman parte da programación da campaña "Liberdade de ser e sentir" da área de igualdade da Deputación

Comezan as representacións da obra ‘Menú-do día’ con posteriores faladoiros, que forman parte da campaña “Liberdade de ser e sentir” de Igualdade da Deputación

Este xoves comezan en Pontedeume as representacións da obra 'Menú-do día', unha actividade que forma parte da programación da campaña "Liberdade de ser e sentir" que cada ano promove a área de igualdade da Deputación, liderada por Soledad Agra, con motivo do 28 de xuño, día da diversidade sexual, e que "desenvolvemos cada día do ano".

Despois de Pontedeume, onde a obra terá lugar ás 19:30h na Casa da Cultura, continuará en Cedeira o venres 17 ás 19:30h no Auditorio Municipal; o sábado 18 ás 19h en Arzúa, na Capela da Madanela e o venres 24 de xaneiro ás 20:30h no Novo Auditorio de Ribeira. Tralas representacións, haberá un faladoiro a cargo da Asociación Alas A Coruña, para afondar nalgunhas das cuestións que trata a obra, como a desinformación, o odio ou os prexuízos.

O MENÚ-DO DÍA é unha obra de teatro performativa do #ColectivoCBV que xira entorno á pegada inesquecible que deixa a violencia nos nosos corpos. O proxecto xorde para sandar as feridas provocadas en Alberte Bello, performer, tras recibir unha malleira en 2021, ao berro de "maricón de merda".

Alberte Bello percorre o corredor da vergoña, envolto en fraxilidade. Mentres os discursos de odio contra o colectivo LGTBIQ+ resoan na súa cabeza. En MENÚ-DO DÍA, o #ColectivoCBV tece unha historia que confronta odio e disidencia, escuridade e luz, tristura e aceptación. A primeira creación deste colectivo de artistas transita entre as violencias continuadas que sofre o colectivo LGTBIQ+. Xuntos, tentan amosar unha nova realidade posible, dende a disidencia e o activismo, capaz de romper a norma e creando unha sociedade máis avanzada, máis inclusiva e máis real.