Estás en:Novas

A Deputación apoia os programas de integración social e laboral da Asociación Ambar

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou o centro de Ribeira para coñecer o funcionamento dos programas e interesarse polas necesidades da entidade

A Deputación apoia os programas de integración social e laboral da Asociación Ambar

A Deputación da Coruña, a través das liñas de axudas dedicadas a entidades sociais da provincia, colabora coa Asociación Ambar en distintos programas de integración social e laboral para persoas con diversidade funcional da comarca do Barbanza e no seu plan "Vivenda con apoio".

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, acompañada do concelleiro de Relacións Institucionais, Francisco Suárez-Puerta, visitou o centro de recursos de Ambar en Ribeira, onde a entidade ofrece servizos de centro de día e centro ocupacional a un total de 79 persoas procedentes dos concellos de Rianxo, A Pobra, Boiro, Ribeira e Porto do Son.

A deputada quixo coñecer en primeira persoa as melloras efectuadas nas instalacións do centro, os programas que subvenciona a Deputación e explorar novas liñas de colaboración.

O pasado ano, a Deputación apoiou con 52.250 euros obras de conservación e mellora de equipamento do centro e destinou outros 15.700 euros a apoiar o programa "Vivenda con apoio" de Ambar.

A través desta achega,a Deputación dá apoio á vivenda tutelada de Ambar, activa desde o 2014. Un domicilio que asiste ás persoas con diversidade funcional que favorece a autonomía no fogar dos usuarios, así como as súas habilidades básicas e instrumentais para a vida diaria e o coidado da saúde.

Ambar tamén leva a cabo obradoiros para adquirir habilidades para a vida diaria, empregando recursos e materiais reais propios dun fogar. Á súa vez, ofrécense talleres de manexo das novas tecnoloxías para favorecer a comunicación e o uso de servizos comunitarios.

"Desde a Deputación queremos seguir traballando de forma conxunta con Ambar para promover a independencia, autonomía e igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional", afirmou Mar García Vidal, que destacou o "gran traballo" que desenvolve a entidade, recoñecida co Premio de Boas Prácticas en Servizos da Deputación en 2023.

Asociación Ambar

Desde 1982, a Asociación Ambar presta servizo a persoas con diversidade funcional e ás súas familias nos concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Rianxo e Porto do Son. A súa misión é promover unha sociedade igualitaria na que todas as persoas gocen dos mesmos dereitos e poidan vivir de forma independente e autónoma.

Para iso, leva a cabo múltiples iniciativas que buscan sensibilizar e educar en valores, mellorar a accesibilidade universal, aportar servizos de autonomía persoal e conciliación familiar, posibilitar a vida independente dentro da comunidade, promover o traballo digno, impulsar a expresión artística e a creatividade e facilitar experiencias deportivas culturais e de lecer.