Estás en:Novas

A Deputación presentará en Fitur a súa nova campaña de turismo

Ademais, tamén se presentará a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle co obxectivo de consolidarse como referencia no turismo sostible e posta en valor do patrimonio

O vicepresidente, Xosé Regueira, sinalou que Fitur 2025 "marcará un fito moi importante, pois alí lanzaremos a nosa nova campaña de turismo que pon o foco na gastronomía e no territorio"

A Deputación presentará en Fitur a súa nova campaña de turismo

Fitur será o escenario de presentación da nova campaña de promoción turística da Deputación da Coruña, nun acto que terá lugar o mércores 22 ás 14h, e que contará tamén co protagonismo da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle. O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, e o deputado e coordinador da Asociación Concellos da Vía Verde, Antonio Leira, serán os encargados de expoñer estes dous grandes eixos da entidade provincial na Feria Internacional de Turismo que se celebrará en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro.

Regueira adiantou que Fitur "marcará un fito moi importante, pois alí lanzaremos a nosa nova campaña de turismo que pon o foco na gastronomía e no territorio". Neste sentido, sinalou que está "perfectamente aliñada coa nosa estratexia de turismo sostible, que promove a preservación do medio e a mellora socioeconómica da contorna poñendo o foco na gastronomía e nos produtos locais como impulsores deste turismo de calidade". Apuntou. "Seguimos apostando polo sector agroalimentario como a nosa mellor marca turística e, por suposto, promocionando o noso territorio e as nosas paisaxes co máximo respecto e orgullo". Ademais, sinalou que se trata dunha campaña "innovadora e inesperada, que non deixará indiferente a ninguén".

Outro dos proxectos protagonistas en Fitur será a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, "a maior de Galicia en canto a extensión e unha das máis extensas da península" explicou Leira, que será presentada aos diferentes axentes que compoñen o ecosistema do sector turístico a través do programa "Deportistas na Vía", no que deportistas coruñeses de elite, como Iván Raña, actuarán como embaixadores para atraer a novos públicos interesados no turismo activo e o deporte. Ademais, o presidente da Asociación de Concellos da Vía Verde, Alexander Doval, será o encargado de poñer en valor o destino como un novo atractivo que potenciará a dinamización socioeconómica nos concellos polos que transcorre a vía e as súas contornas.

Deste xeito, o mércores 22 ás 14h, a Deputación da Coruña presentará en Fitur dúas das súas propostas máis relevantes no eido da promoción turística, que forman parte dunha mesma estratexia de sustentabilidade económica, social e medioambiental, "que pasa pola absoluta defensa do medio e a súa preservación e que, ao mesmo tempo, promove un impacto positivo para a poboación local, xerando oportunidades de emprego, contribuíndo á fixación de poboación no rural, etc.".