Estás en:Novas

A Deputación financia a compra de vehículos para os servizos de Axuda no Fogar de Boimorto, Dumbría, Paderne, Santiso e Toques

Con estes son xa 20 os concellos coruñeses que contan cun vehículo da Deputación para os desprazamentos das traballadoras do SAF, que realizan unha gran cantidade de desprazamentos diarios

A Deputación financia a compra de vehículos para os servizos de Axuda no Fogar de Boimorto, Dumbría, Paderne, Santiso e Toques

A Deputación da Coruña financia con 100.000 euros a compra de cinco vehículos destinados a facilitar os desprazamentos diarios das traballadoras e traballadores dos Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e os servizos sociais nos concellos de Boimorto, Paderne, Dumbría, Santiso e Toques. A concesión provisional destas axudas publícase hoxe no Boletín Oficial da Provincia.

Estes son os concellos que obtiveron maior puntuación en función das bases da convocatoria e súmanse a outros quince que xa obtiveron as axudas para a compra vehículos en anos anteriores. En total, 20 municipios coruñeses contan cun vehículo da Deputación para os desprazamentos das traballadoras do SAF.

Esta liña de axudas foi creada tras a rolda de reunións que o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, realizaron con traballadoras dos servizos de axuda no fogar nas distintas comarcas da provincia. Unha das demandas destas traballadoras era poder dispor de vehículos municipais para os seus desprazamentos, xa que se ven obrigadas a usar os seus coches particulares nun traballo que esixe un elevado número de desprazamentos diarios para atender ás persoas maiores nos seus domicilios. Un problema que ten especial incidencia nos concellos rurais, onde hai maior dispersión da poboación.

"Con estes, son xa vinte os concellos da provincia que dispoñen dun vehículo para os desprazamentos das traballadoras de axuda a domicilio, que desenvolven un traballo fundamental nos concellos da provincia e merecen este apoio. A nosa idea é seguir ampliando este número en cada convocatoria para axudar a resolver o problema que nos trasladaron as propias coidadoras en distintas reunións", explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Os concellos da provincia que dispoñen dun vehículo para desprazamentos do SAF financiado pola Deputación da Coruña son As Pontes, As Somozas, Aranga, Carnota, Irixoa, Mañón, Ortigueira, Outes, Tordoia, Oza-Cesuras, Cabanas, A Baña, Mesía, Dodro, Coirós, Boimorto, Paderne, Dumbría, Santiso e Toques.