Estás en:Novas

A Deputación apoia con preto de medio millón de euros o mantemento de conservatorios e escolas de música en 28 municipios da provincia

O Goberno de Valentín Formoso incrementou nun 25% este programa, con achegas de 12.500 euros para as escolas de música e 25.000 para os conservatorios

Formoso subliña a aposta da Deputación "por facer accesible a música e a cultura a todos municipios de toda a provincia, máis alá das cidades"

A Deputación apoia con preto de medio millón de euros o mantemento de conservatorios e escolas de música en 28 municipios da provincia

A Deputación da Coruña apoia con 462.500 euros o mantemento de conservatorios e escolas de música e danza municipais de 28 concellos da provincia.

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a resolución provisional das subvencións, que o actual goberno provincial incrementou neste mandato nun 25%, pasando de 380.000 euros a 462.500 euros. En concreto, as axudas para escolas de música e danza municipais pasaron de 10.000 a 12.500 euros e as dos conservatorios de 20.000 a 25.500 euros anuais.

Formoso subliñou a importancia de "apoiar á formación artística nas diferentes escolas de música, danza e conservatorios da provincia, nos que sabemos que hai moito talento que necesita dispor do profesorado e dos medios adecuados para poder desenvolverse" e enmarcou o incremento do importe das axudas "na filosofía que sempre mantemos na Deputación: facer accesible a cultura e a educación a todos os municipios da provincia, máis alá das grandes cidades".

"É unha enorme satisfacción ver como pequenos concellos da provincia contan nas súas escolas municipais con centos de alumnos e alumnas que teñen a oportunidade de acceder a unha formación de calidade no ámbito da música e da danza", afirmou o presidente.

A Baña, As Pontes, Abegondo, Ames, Arzúa, Betanzos, Boiro, Brión, Cabana de Bergantiños, Carballo, Carnota, Cee, Melide, Mugardos, Muros, Negreira, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Padrón, Ponteceso, Porto do Son, Ribeira, Rois, Sada e Santiago de Compostela son os municipios beneficiados en 2025 por este programa da Deputación.