Estás en:Novas

A Deputación inviste 261.360 euros para apoiar a ASPANAES na compra do seu novo local na cidade da Coruña

O local está situado no número 2 da rúa José Pascual López Cortón da cidade da Coruña e adáptase ás necesidades da entidade para prestar servizos e atención a persoas con TEA das comarcas da Coruña, Betanzos e Bergantiños e as súas familias

Formoso destaca "o apoio fundamental" que ASPANAES presta a centos de persoas con TEA e as súas familias

A Deputación inviste 261.360 euros para apoiar a ASPANAES na compra do seu novo local na cidade da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o presidente de ASPANAES, Ignacio Labella Lozano, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, asinaron esta mañá o convenio de colaboración polo que a institución provincial financiará con 261.360 euros a compra da nova sede da entidade na cidade herculina, un local situado na rúa José Pascual Pérez Cortón, que se destinará a ofrecer servizos de prevención da dependencia e promoción de autonomía persoal para persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) das comarcas da Coruña, Betanzos e Bergantiños e as súas familias.

A achega provincial representa o 80% do prezo total do inmoble, que ascende a 326.700 €. O 20% restante é financiado con fondos propios da entidade.

Desde a nova sede, ASPANAES ofrecerá servizos como atención temperá (de cero a 6 anos), deseño de estratexias psicoeducativas para menores de 7 a 16 anos ou servizo de habilidades persoais e sociais que melloren a autonomía das persoas con TEA. Para prestar estes servizo, a entidade dispón dun equipo interdisciplinar de 14 profesionais de psicoloxía, psicopedagoxía, logopedia, terapia ocupacional e educación social. Estímase que estes servizos beneficiarán a 260 persoas con autismo da área coruñesa.

Esta colaboración económica da Deputación chega despois da visita do presidente á entidade na que, entre outras cuestións, trasladaron a necesidade de dotarse dun novo local adecuado a estas necesidades específicas.

Formoso destacou o importante traballo que desenvolve ASPANAES e a longa traxectoria de colaboración coa Deputación, que cada ano apoia economicamente diferentes programas e servizos da entidade, así como melloras nas súas instalacións "que contribúen a mellorar a vida de centos de persoas con TEA e as súas familias".

ASPANAES é unha das 273 entidades sociais que cada ano contan co apoio económico da Deputación. Nos últimos anos, a Deputación da Coruña contribuíu a financiar programas e terapias de fomento da autonomía persoal das persoas con TEA, a acondicionar, amoblar de dotar de material informático ao novo centro de ASPANAES no Monte do Gozo (Santiago) ou a adaptar as súas instalacións en Ferrol. Nos últimos meses, a Deputación entregou tamén á entidade un vehículo adaptado para o transporte dos seus usuarios.

A provincia da Coruña supón o 67,74% da área de influencia de ASPANAES, que presta atención a centos de persoas con TEA e as súas familias.