A Deputación forma os docentes para abordar a memoria histórica nas aulas
O centro sociocultural Maruxa e Coralia compostelán acolle hoxe a xornada para docentes 'Fai memoria', impulsada pola área de Dereitos Civís da Deputación
Na presentación dos relatorios, a deputada Sol Agra sinalou "o deber" do seu departamento "de promover actividades que axuden a mellorar a sociedade e que reforcen os valores de convivencia, liberdade e igualdade"
Hoxe celébrase no centro sociocultural Maruxa e Coralia, de Santiago de Compostela, 'Fai memoria', a xornada organizada pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña para ofrecer ós docentes recursos cos que abordar a memoria histórica nas aulas.
Inaugurouna a titular do departamento, Sol Agra, quen sinalou "o deber" da súa área de goberno "de promover actividades que axuden a mellorar a sociedade e que reforcen os valores de convivencia, liberdade e igualdade".
'Fai memoria', coordinada pola xornalista e escritora Eva Mejuto, naceu con dous obxectivos fundamentais, segundo explicou Agra: "Por un lado, para dotar de recursos, ideas de iniciativas e propostas de actuación que se poidan aplicar nos centros educativos, para aquel profesorado que sexa sensible á necesidade de traballar co alumnado aspectos e persoas da nosa historia que se invisibilizaron". "E por outro", engadiu, "para crear un espazo de encontro onde partillar inquedanzas, iniciativas e tamén preocupacións ó respecto dos temas que aquí imos tratar".
A deputada compartiu a decisión do seu departamento de organizar a xornada "arredor de tres preocupacións fundamentais: a carencia de contido docente para tratar a memoria democrática nas aulas; o branqueamento que se está a facer en algúns contidos educativos de partes da nosa historia e a invisibilización e mesmo deturpación da historia de persoas, nomeadamente mulleres, que deberían ser postas en valor nas aulas para que sirvan de referentes ás novas xeracións".
"Asistimos con moita preocupación á deriva social de intransixencia, discursos de odio, movementos racistas, homófobos, LGTBIfóbicos e fascistas, que ocupan algúns discursos políticos e que se trasladan ós medios de comunicación, ás redes sociais, ás actitudes e opinións de, cada vez, máis xente moza, e de aí ás aulas, onde moitos docentes se atopan sós, sen apoio, sen recursos e sen estratexias para facerlles fronte", denunciou Agra.
A xornada tratará a memoria desde moitos ámbitos, con especial protagonismo da poesía, o teatro, o ensaio, a novela e o álbum ilustrado. Os relatorios, que rematarán a última hora da tarde, reúnen no centro Maruxa e Coralia a destacados nomes da literatura, a docencia e a investigación, como Pilar Sampedro, Paula Carballeira, Iria Morgade, Carme Vidal, Susana Aríns, Carme García Facorro, Javier Castiñeira García, Daniela Ferrández, Cristina López Villar, Montse Fajardo, Beatriz Maceda e Eli Ríos.
O programa inclúe unha mesa de experiencia de memoria nas aulas, na que explicarán os seus proxectos o IES Xosé Neira Vilas da Coruña, o IES Sánchez Cantón de Pontevedra mais a asociación cultural coruñesa Alexandre Bóveda; e unha ruta pola memoria das mulleres en Compostela, conducida por Encarna Otero.