Estás en:Novas

A Deputación destina 280.556 euros a apoiar programas para evitar a soidade non desexada e promover o envellecemento activo en concellos de menos de 5.000 habitantes

Un total de 41 municipios da provincia recibirán estas subvencións destinadas a ofrecer iniciativas de intervención social a persoas maiores de 65 anos

A Deputación destina 280.556 euros a apoiar programas para evitar a soidade non desexada e promover o envellecemento activo en concellos de menos de 5.000 habitantes

A Deputación da Coruña destina este ano 280.556,49 euros a financiar programas de loita contra a soidade non desexada e actividades de envellecemento activo nos concellos de menos de 5.000 habitantes da provincia.

A institución provincial vén de publicar no BOP a resolución provisional da concesión das subvencións deste programa, no que foron aceptadas as solicitudes de 41 pequenos municipios coruñeses, que recibirán importes de entre 3.990 e 7.000 euros para o sostemento destas iniciativas.

Con estas cantidades subvencionaranse o desenvolvemento de proxectos de intervención social comprendidos por unha ou varias actividades dirixidas a persoas maiores de 65 anos cuxa finalidade sexa fomentar o seu benestar físico, social e emocional. Ditas actividades poderán desenvolverse en espazos de uso público, de xeito individual ou grupal, pero tamén no domicilio das persoas usuarias como atención de carácter complementario do servizo de axuda no fogar (SAF), fisioterapia ou terapia ocupacional.

Deste xeito, a Deputación apoia economicamente aos concellos máis pequenos e rurais da provincia para a posta en marcha ou o mantemento de programas de prevención do deterioro físico ou mental das persoas maiores, na estimulación cognitiva ou no fomento de hábitos saudables. Tamén poden financiarse iniciativas municipais de loita contra a soidade non desexada, como actividades interxeracionais ou de voluntariado con maiores.

Este programa da Deputación súmase a outras liñas de investimento na área social, como o POS Social, que neste ano 2025 destina 7 millóns de euros para reforzar os servizos e programas de axudas sociais dos concellos, en función necesidades específicas de cada un.

"Con programas como este, a Deputación quere apoiar aos concellos máis pequenos da provincia na creación e mantemento de programas que contribúen ao benestar físico e emocional das persoas maiores, algo fundamental no ámbito rural, onde a dispersión poboacional e o envellecemento demográfico agravan as situacións de illamento", afirmou a deputada de Política Social, Mar García Vidal, que sinalou "o papel fundamental" que as administracións deben ter neste ámbito.

"A creación de emprego no rural, o fomento de actividades interxeracionais e a dotación de espazos e servizos públicos son fundamentais para dar vida ao rural e facelo máis habitable, tamén para os nosos maiores", afirmou a deputada.

LISTAXE DE SUBVENCIÓNS CONCEDIDAS PROVISIONALMENTE

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2025/01/17/2025_0000000247.html