Estás en:Novas

Regueira destaca o potencial de Ferrolterra “como impulsor dun turismo responsable e de calidade”

O vicepresidente participou na presentación da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, "Turismo Responsable en Ferrolterra"

Regueira tamén participou na presentación de "Galicia, destino WSL (World Surf League)" onde salientou que "o surf pasou a ser máis que un deporte para converterse tamén nun produto turístico os 365 días do ano"

Regueira destaca o potencial de Ferrolterra “como impulsor dun turismo responsable e de calidade”

O xeodestino de Ferrolterra foi protagonista esta tarde nos actos do stand de Galicia en Fitur, onde a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol lanzou a campaña "Turismo de Ferrolterra" e, ademais, o Classic Surf Pro presentou "Galicia, destino WSL (World Surf League)".

O vicepresidente salientou o "bo traballo" da Mancomunidade ao "impulsar un destino turístico que cada vez é máis demandado e de maior calidade" e fixo referencia á colaboración coa entidade provincial, que destina un importe de 150.000 € para a mellora da competitividade turística de Ferrolterra. Regueira destacou tamén a aposta "por un turismo responsable e de calidade, moi aliñado coa estratexia que defendemos dende a Deputación" xa que "é fundamental buscar a ese visitante que saiba valorar o que a provincia é capaz de dar". Tamén puxo en valor a comarca de Ferrolterra, "que representa o xeoparque, costa, patrimonio militar, candidatura a patrimonio mundial da UNESCO... e rodeada dunha magnífica paisaxe e cunha espectacular gastronomía, fitos que a sitúan cada vez mellor no escaparate turístico do país".

Regueira tamén participou no acto do Classic Surf Pro, onde afirmou que a colaboración coa World Surf League, que se materializa nun investimento de 300.000 € para as tres probas que se celebran na provincia (Gadis Longboard Festival Ferrol; Abanca Pantín Classic Galicia Pro e Cabreiroá Junior Pro Razo) é "estratéxica" para a Deputación. "Trátase dunha aposta moi relevante por este deporte que é tamén un produto turístico, que nos permite poñer o foco internacional sobre a nosa costa durante os 365 días do ano". O vicepresidente apuntou que o surf contribúe tamén a promover a "sustentabilidade", afianzando "unha alianza co planeta e coa nosa costa", así como "a diversidade no deporte".

Remata así a primeira xornada de Fitur, que continuará mañá con máis actos nos que a Costa da Morte seguirá tendo protagonismo; así como Santiago de Compostela; o Xeoparque Cabo Ortegal ou o xeodestino Barbanza – Arousa, entre outros.