O PEL da Deputación impulsa o sector agrogandeiro da provincia
Un total de 597 explotacións agrícolas e gandeiras recibiron axudas do PEL o ano pasado para crear novos empregos, pagar as cotas de autónomos ou investir en tecnoloxía que mellora a eficiencia das súas instalacións
A Deputación da Coruña, a través do Plan de Emprego Local (PEL), impulsa o sector agrogandeiro da provincia.
Durante 2024, un total de 597 explotacións agrícolas e gandeiras da provincia recibiron axudas do PEL para crear novos empregos, modernizar as súas instalacións ou pagar as cotas de autónomos.
Así o explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a visita que realizou á granxa de vacún Ramos Alvite, na parroquia de Santa María de Maroñas (Mazaricos), acompañado da deputada do Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, e de Secundino Ramos e Marcos Ramos Alvite, os responsables desta explotación familiar, que lles mostraton as instalacións e os labores que nelas se realizan e conversaron sobre a situación actual e os retos de futuro do sector.
A granxa conta con case 200 vacas e está actualmente ampliando e mellorando as súas instalacións, nas que os propietarios realizaron unha importante aposta en tecnoloxía e innovación, cunha moderna plataforma para muxir, sistemas de control tecnolóxico individualizado dos animais para coñecer e monitorizar o seu estado de saúde e detectar calquera incidencia ou sistemas automatizados de mantemento das cortes.
Investimento en innovación e tecnoloxía
Entre estes sistemas de automatización destaca un robot arrimador de comida, adquirido cunha axuda de 17.500 euros do PEL 2024, que se despraza de forma autónoma pola granxa encargándose do subministro automático de alimento ao gando e de manter limpos os corredores de alimentación, aforrando centos de horas anuais de traballo que antes se facía de xeito manual.
Formoso definiu a granxa "como un exemplo da aposta pola innovación e as novas tecnoloxías na busca dunha maior eficiencia produtiva" e destacou a importancia das axudas do PEL para o sector primario.
Das 597 explotacións agrícolas e gandeiras que contaron con axudas da Deputación o ano pasado, 90 foron para creación e mantemento de postos de traballo, 99 para investimentos en modernización e tecnoloxía e 639 para financiamento das cotas de autónomos.