Estás en:Novas

A Deputación leva ‘A paisaxe que sabe’ a Madrid Fusión cunha trintena de propostas protagonizadas por profesionais e produtos locais

A entidade provincial participará nunha edición máis desta feira gastronómica de referencia internacional que se celebra entre o 27 e o 29 de xaneiro

A Deputación ofrecerá showcookings, masterclasses, relatorios, catas e degustacións nun stand que contará con Matosinhos como destino convidado

A Deputación leva ‘A paisaxe que sabe’ a Madrid Fusión cunha trintena de propostas protagonizadas por profesionais e produtos locais

A Deputación da Coruña amosará a "excelencia" da cadea agroalimentaria da provincia en Madrid Fusión. Nesta cita gastronómica de referencia internacional, que se celebrará entre o 27 e o 29 deste mes de xaneiro, a entidade provincial presentará as liñas da súa campaña 'A paisaxe que sabe'. Farao a través dunha trintena de propostas no seu stand protagonizadas por reputados profesionais gastronómicos e produtos da provincia.

Deste xeito, a área de Turismo da Deputación, dirixida por Xosé Regueira, ofrecerá un amplo abano de actividades que irán desde os showcookings e as masterclasses pasando polos relatorios, as catas e, por suposto, as degustacións.

Os chefs Luis Veira (Árbore da Veira, A Coruña), Beatriz Sotelo (Illas Gabeiras, Ferrol), Fabián Mouzo (O Camiño Fala, Mazaricos) e Álvaro Victoriano (Peculiar, A Coruña) exhibirán a súa cociña en directo compartindo programación cos produtores San Isidro Bakery (Bergondo); Algas Mar de Ardora (Ortigueira); Bonilla a la Vista (A Coruña); Ternura Empanadas (A Coruña); A Conserveira (Ribeira); A Despensa d'Lujo (Carballo); Chichalovers (Santiago); Cafés Aruba (A Coruña) e Galmesán (Arzúa).

Ademais, o catador e profesor de viño Luis Paadín ofrecerá relatorios e catas durante os tres días, e Hélio Loureiro, xefe de cociña, gastrónomo e investigador portugués, impartirá tres showcookings diferentes baseados na preparación de peixes. A presenza do profesional luso non é casualidade, pois a Deputación da Coruña acudirá este ano con Matosinhos como destino convidado, dentro da colaboración que se pechou no 2024 entre a institución provincial e a Cámara de Matosinhos no eido da promoción turística e gastronómica.