Estás en:Novas

A Deputación ofrece a súa colaboración para “encher de vida e actividade” o novo Centro Social de Carreira, en Ribeira

A Deputación financiou con 213.000 euros o centro, inaugurado hoxe e destinado a dinamizar a vida social e cultural da parroquia

A Deputación ofrece a súa colaboración para “encher de vida e actividade” o novo Centro Social de Carreira, en Ribeira

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou esta mañá na inauguración do Centro Social de Carreira, acompañada polo alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e outros representantes municipais. O novo centro, que contou cun investimento de máis de 213.000 euros da Deputación da Coruña, supón un importante avance para a parroquia, dotándoa dun espazo de encontro e convivencia deseñado para fortalecer a vida social, cultural e comunitaria.

No seu discurso, a deputada destacou a longa espera para a finalización do proxecto, que levou 13 anos en facerse realidade. "Unha espera demasiado longa, pero que pagou a pena porque Carreira conta por fin cun espazo á altura das súas necesidades", apuntou Mar García.

O novo centro social acollerá proximamente a súa primeira actividade: unha exposición de fotografías antigas de Carreira, organizada pola Asociación de Veciños da parroquia, que permitirá facer un percorrido pola memoria histórica do lugar. A deputada salientou o valor desta iniciativa como "un exemplo do potencial das comunidades veciñais para manter viva a memoria e construír o futuro".

Durante a súa intervención, García Vidal reafirmou a disposición da Deputación da Coruña a continuar colaborando co Concello de Ribeira e coa asociación de veciños para dotar o centro de programacións culturais, sociais e deportivas. "Queremos traballar man a man coas asociacións locais para que estas instalacións se enchan de vida e actividade", asegurou.

A deputada tamén destacou o compromiso da Deputación co desenvolvemento do municipio de Ribeira, onde nos últimos oito anos se investiron 22,7 millóns de euros en máis de 100 proxectos. Estes fondos permitiron financiar obras nas nove parroquias do concello, así como servizos como a teleasistencia para maiores, o conservatorio de música ou o acondicionamento do Auditorio de Ribeira.

Por último, Mar García Vidal felicitou ao Concello de Ribeira e á veciñanza de Carreira polo seu esforzo e dedicación para facer realidade este proxecto, animando a toda a comunidade a "converter o centro nun espazo vivo e participativo para toda a veciñanza".