A Deputación destina 900.000 euros á limpeza de praias de 40 concellos da provincia
A esta cantidade únense os máis de 305.000 euros concedidos á contratación de socorristas para areais fluviais e piscinas, do que se beneficiarán 46 municipios de interior
Ambos os dous programas supoñen a creación duns 300 postos de traballo durante a tempada estival
A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a concesión provisional do programa de limpeza de praias marítimas no 2025, a través do cal financia con 900.000 euros este servizo en 40 municipios costeiros da provincia.
A finalidade desta liña de axudas é apoiar aos concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal dirixidos á limpeza de praias marítimas durante a tempada estival, que abrangue do 1 de abril ao 31 de outubro. Tamén se financia a compra de bens destinados a esta actividade, como a adquisición de vestiario, produtos de limpeza ou combustible.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que este programa, que "ofrece un importante apoio aos concellos para a conservación das praias e impulsa, xunto o programa de socorristas, a creación duns 300 empregos durante a tempada estival".
O importe subvencionado varía en función da baremación, ponderada a través dos criterios obxectivos de superficie de praias e poboación de cada un dos municipios. Para estes datos téñense en conta as cifras recollidas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e polo INE. Deste xeito, as cantidades achegadas flutúan entre os 32.466,35 euros cos que se financiarán as limpezas de praias de Ferrol ou Carballo e os 6.768 euros cos que foron subvencionados, de xeito provisional, Corcubión, Neda e Outes.
Socorrismo en piscinas e praias fluviais
Por outra banda, o Boletín Oficial da Provincia tamén fai públicas hoxe as concesións definitivas do programa de socorrismo dirixido a concellos do interior da provincia, que conta cun financiamento de 305.398,61 euros a repartir entre as 46 solicitudes concedidas.
Neste sentido, a Deputación financiará os salarios dos e das socorristas que traballarán neste período estival nas piscinas, praias fluviais e outros espazos acuáticos municipais nos concellos sen costa. As achegas da institución provincial van desde os 3.918,76 euros (Vilarmaior) aos 9.900 (Oza-Cesuras), segundo as necesidades estimadas por cada concello.
Este programa, que se convoca cada ano, supón unha axuda fundamental para que os municipios poidan garantir a seguridade das persoas usuarias das súas instalacións acuáticas e areais fluviais. Xunto co programa de limpeza de praias, contribúe á contratación de máis de 300 persoas durante a tempada de verán na provincia.
SOLICITUDES DE LIMPEZA DE PRAIAS CONCEDIDAS PROVISIONALMENTE
BOP: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2025/01/29/2025_0000000487.pdf
SOLICITUDES DE SOCORRISMO CONCEDIDAS
BOP: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2025/01/29/2025_0000000500.pdf