Estás en:Novas

O X Premio Concepción Arenal recoñece os traballos do CRA Ponte da Pedra, de Carballo, e do Conservatorio Profesional de Música da Coruña

Ao certame, convocado pola Deputación para proxectos educativos pola igualdade de xénero, concorreron sete centros de ensino da provincia, nunha edición na que non se presentaron candidaturas na categoría de educación infantil

Os gañadores recibirán cadanseu premio de 5.000 euros

O X Premio Concepción Arenal recoñece os traballos do CRA Ponte da Pedra, de Carballo, e do Conservatorio Profesional de Música da Coruña

Os traballos "ArROUPAme na Igualdade", do Colexio Rural Agrupado Ponte da Pedra, de Carballo, na categoría para educación primaria, e "Bravísimas! Mulleres na música", do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, na categoría para educación secundaria, son os gañadores do X Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero.

Ao certame, convocado pola área de Igualdade provincial, concorreron sete centros de ensino da provincia, nunha edición na que non se presentaron candidaturas na categoría de educación infantil.

De "ArROUPAme na Igualdade", o xurado destacou que se trata "dun proxecto técnico estruturado, claro e coherente, cun título creativo en simbiose cos obxectivos e actividades". A proposta céntrase, segundo o comité avaliador, "en explorar e cuestionar os estereotipos de xénero na moda, en reflexionar sobre o impacto social e cultural da vestimenta como expresión de diversidade e identidade, así coma en concienciar sobre as desigualdades laborais e éticas no sector, promovendo un consumo responsable".

"Bravísimas! Mulleres na música" é, para o xurado, "un proxecto excelente en canto á calidade técnica que dá visibilidade as mulleres na música a través das súa historia, achegas e creacións, materializándose a través de obradoiros, concertos e outras actividades. Un proxecto claro, conciso e coherente que traballa coa comunidade educativa, asi coma con outros centros de música, aberto á comunidade e con capacidade de transferencia e impacto".

O xurado, presidido pola responsable provincial de Igualdade, Sol Agra, formárono Eva Ovenza Pereira, técnica de igualdade da Deputación da Coruña; Martín Vázquez Añel, sociólogo especializado en xestión da igualdade e a diversidade sexual; e Clara Rodríguez Cordeiro, licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e doutoranda especializada en arte contemporánea, educación e xénero. Actuou como secretaria Carolina Buhigas Jack, xefa da sección de Servizos Sociais da Deputación.

Sol Agra deulles os parabéns aos gañadores, "pois achegaron propostas que traballan a prol da consecución da igualdade entre homes e mulleres, da igualdade de trato e da non discriminación por razón de orientación sexual". "Incorporan, ademais, de xeito transversal, a educación en valores como a solidariedade, a tolerancia, o respecto, a xustiza e diversidade, e promoven a empatía, a autoexpresión emocional e o fomento da participación da familia, da escola e da comunidade".