Estás en:Novas

A oitava edición do 'Quero cantar' volve apostar polo talento musical da mocidade

O prazo de presentación de maquetas rematará o 14 de marzo

O domingo 6 de abril celebrarse no Teatro Colón da Coruña a gala de finalistas que decidirá os gañadores

O concurso convocado pola área provincial de Cultura repartirá 6000 euros material musical, e asumirá os custos da gravación de maquetas e videoclips nun estudio profesional e dun programa formativo que inclúe unha titoría artística, unha residencia e o obradoiro 'Kit de supervivencia para iniciarse no mundo da música'

A oitava edición do 'Quero cantar' volve apostar polo talento musical da mocidade

Coa intención de promover e difundir o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical entre a rapazada e a mocidade, a área de Cultura da Deputación da Coruña convoca o VIII Concurso Quero Cantar de música infantil e xuvenil. O prazo de presentación de maquetas rematará o 14 de marzo, e a gala de finalistas que decidirá os gañadores, o domingo 6 de abril no Teatro Colón da Coruña.

Poderán participar calquera grupo ou solista que presente a maqueta dunha canción en galego, con letra e música orixinais e inéditas, en calquera das dúas categorías a concurso: infantil (ata 12 anos) e xuvenil (de 13 a 16 anos).

Establécense os seguintes premios:
1º clasificado na categoría infantil:
• Gravación da maqueta en estudio profesional.
• Gravación dun videoclip da canción gañadora.
• Material musical ou produtos culturais en galego por valor de 1500 €.

1º clasificado na categoría xuvenil:

  • Gravación da maqueta en estudio profesional.
  • Participación no programa formativo.
  • Gravación dun videoclip, ben da canción presentada ao concurso, ben da creada no programa formativo.
  • Material musical ou produtos culturais en galego por valor de 1500 €.

2º clasificado en ambas as categorías:

  • Gravación da maqueta en estudio profesional.
  • Material musical ou produtos culturais en galego por valor de 1000 €.

3º clasificado en ambas as categorías:

  • Gravación da maqueta en estudio profesional.
  • Material musical ou produtos culturais en galego por valor de 500 €.

O programa formativo Quero Cantar 2025, para a proposta vencedora na categoría xuvenil, inclúe unha titoría creativa para o desenvolvemento dunha canción, impartida por un ou unha artista de recoñecida traxectoria na música galega; unha residencia de tres días, nun espazo determinado pola Deputación, entre a persoa ou persoas que compoñan a proposta seleccionada e a persoa encargada da titoría, na que se realizará un último ensaio coa canción creada e os gañadores gravarán o tema nun estudio profesional; e o obradoiro 'Kit de supervivencia para iniciarse no mundo da música', formación práctica de 6 horas de duración enfocada a aspectos básicos para o inicio dunha carreira no mundo da música como son a creación da identidade de grupo, maquetaxe, distribución e dereitos e aspectos a ter en conta de cara á procura dos primeiros concertos.

Noméanse dous xurados, un para cada unha das fases do certame. Na primeira, o xurado estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito musical que decidirán as seis cancións, tres por categoría, que pasarán á final. Na segunda fase, o día da gala na que os finalistas interpretarán os seus temas, o xurado formarano seis alumnas e alumnos de educación primaria e ESO, tres por categoría, con formación musical.

As bases do certame están publicadas no BOP do 31 de xaneiro.