Biblioteca Pública Municipal "Francisco Mayán" de Cee. Sara Rodo Calvo
"Atendemos de media a unhas 70 persoas ao día, entre préstamos, consultas e lecturas en sala. Son moitas as persoas usuarias que acoden ás nosas instalacións para estudar, facer traballos en grupo, coller libros de lectura obrigatoria das escolas ou facer tempo entre clase e clase da Escola de Música (que a temos no mesmo edificio).
É un lugar que está moi presente no día a día de Cee, as portas están sempre abertas para todo o mundo" Sara Rodo, Bibliotecaria no Concello de Cee

Proxecto: De Biblioteca a Biblioteca: pequeno percorrido polas bibliotecas da Provincia da Coruña:
Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal "Francisco Mayán" de Cee.
Concello onde se sitúa: Cee
Lugar onde está situada: 3º andar da Casa da Cultura
Horario: De luns a venres. Inverno: 9.30 a 13.30 e 16.30 a 19.30. Verán: 8.00 a 14.00
Forma de contacto:biblioteca@cee.gal // 607029896 // por redes sociais
Web: https://cee.gal/es/biblioteca-publica-don-francisco-mayan/
Catálogo:https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/
Redes Sociais: Instagram: @bibliotecadecee, Facebook: Biblioteca Pública Municipal Francisco Mayán.
Fondos principais: A biblioteca está formada por unha sala de lectura xeral, dous depósitos de libros, unha sala infantil e xuvenil e un espazo dedicado á Hemeroteca, Fondo Local e Fondo Antigo. Vedes que os nosos fondos son variados, pero destacaremos o Antigo: de 1817 é o libro máis vello que custodiamos.
Historia da Biblioteca: O Concello de Cee, co obxectivo de facilitar o acceso á cultura e á información en condicións de igualdade a todos os cidadáns, fundou en 1981 a Biblioteca Pública Municipal, instalando as súas dependencias no edificio da antiga "Escola de nenas", que na actualidade ocupa a Exposición Permanente da Fundación Fernando Blanco. En 1984, a Biblioteca pasa conxuntamente coas oficinas municipais ao actual edificio da Casa do Concello ocupando unha sala no 1º andar. En setembro de 1987, en sesión ordinaria do Pleno Corporativo, apróbase darlle o nome de "Francisco Mayán" á Biblioteca Pública Municipal.
Anos máis tarde, e co fin de descentralizar o servizo bibliotecario e estender os seus beneficios a todo o ámbito xeográfico do municipio, creáronse as Axencias de Lectura de Brens no 1992 e a Axencia de Lectura de Ameixenda en 2001.
Finalmente no ano 2015, a Biblioteca desprazase ás súas instalación actuais na Casa da Cultura, moito máis amplas e modernas.
Principais proxectos e servizos: Á parte de ofrecer servizos de información e referencia, lectura e consulta nas diferentes salas, uso de ordenadores e préstamo a domicilio, temos un club de lectura para adultos, realizamos ao longo do ano visitas guiadas aos centros educativos, presentación de libros, sesións de contacontos, monicreques e teatro grazas ao programa Ler Conta Moito, ou exposicións e mostras bibliográficas celebrando datas importantes do calendario lector. O pasado ano organizamos por vez primeira un campamento na biblio durante tres días para nenos de entre 3 a 10 anos que foi todo un éxito. E este ano lanzamos o Reto Lector, que tivo tamén moi boa acollida. Ademais convocamos anualmente dous concursos literarios: "En Busca do Noso Marcapáxinas" e "Achegamento ao libro", coa finalidade de animar os escolares a ocupar o seu lecer na creación literaria, que xa van pola 21ª e 34ª edición respectivamente.
Volume documental e tipo de fondo que alberga: Actualmente temos 28248 libros na biblioteca, dos cales arredor de 7000 están na sala infantil e xuvenil, 980 pertencen ao Fondo Local, 526 ao Fondo Antigo, e o resto está repartido entre a sala xeral e os depósitos. Principalmente albergamos exemplares de novela para adultos, tanto en galego como en castelán, así como tamén de poesía e teatro. Destaca ademais a cantidade de libros de historia e arte, froito en gran medida da doazón que Francisco Mayán fixo á Biblioteca.
Persoa encargada da Biblioteca
Nome e apelidos: Sara Rodo Calvo
Contacto: sara.rodo@cee.gal
Breve presentación: Usuaria dende ben pequena das bibliotecas e da ludoteca do Xardín de Carballo (onde nacín e medrei) tanto para facer uso do servizo de préstamo como para estudar, sempre me gustou o ambiente que se respira nelas e pasar o meu tempo alí. Xa de maior cando descubrín que podía facer da miña afección á lectura e a estes espazos o meu traballo para toda a vida non o dubidei e fun a por todas.
A túa formación, e experiencia profesional relacionada co mundo das bibliotecas ou arquivos: Estudei Historia na USC (2015-2019) e fixen dous mestrados: un en Historia Moderna tamén en Santiago (2019-2020) e outro de Museos, Arquivos e Bibliotecas en Ferrol (2020-2021). Fixen prácticas na Biblioteca e Arquivo da Fundación Luís Tilve, no Arquivo da Catedral de Santiago e no Museo da Construcción Naval en Ferrol. Mentres tanto grazas aos cursos de especialización ía formándome en diferentes eidos como o da catalogación, a dixitalización, a xestión e administración da colección... A miña primeira toma de contacto profesional nas bibliotecas foi cas Bolsas de formación en biblioteconomía da Xunta de Galicia que comecei en xuño do 2022 na Biblioteca de Galicia, e menos mal! Grazas a ese ano alí aprendín un montón de cousas. Á súa vez compaxinando con outros traballos que nada tiñan que ver ca biblioteca íame presentando a todas as oposicións que saían, recorrín toda a xeografía galega! Ata que chegou a boa nova dende Cee, o 3 de xuño de 2024 comecei a traballar na biblioteca Francisco Mayán.
Como é o teu día a día na biblioteca: Con moito traballo, pois durante os tres meses de verán cambiamos toda a estrutura da sala infantil e xuvenil, creamos a Comicteca e a Bebeteca. Actualmente estamos atendendo varias tarefas á vez: inventariar o fondo antigo e local, ordenando e cambiando etiquetas nos estantes dos libros por materias, ordenar os depósitos, facer expurgo... Ademais de atender os usuarios,programar actividades e estar ao día con todas as novidades.
Que papel xoga a túa biblioteca na actualidade e na contorna que atende: Atendemos de media a unhas 70 persoas ao día, entre préstamos, consultas e lecturas en sala. Son moitos os usuarios que acoden ás nosas instalacións para estudar, facer traballos en grupo, coller libros de lectura obrigatoria das escolas ou facer tempo entre clase e clase da Escola de Música (que a temos no mesmo edificio). É un lugar que está moi presente no día a día de Cee, as portas están sempre abertas para todo o mundo.
Que tarefas desenvolve un profesional bibliotecario hoxe en día: Dende tarefas administrativas e organizativas propias dunha biblioteca ao labor social. Este último quizais é o que menos se coñece, moita xente acode á Biblioteca para sentirse acompañado e poder falar con alguén do libro que están a ler ou do que pasa na contorna.
Como te mantés actualizada no teu ámbito profesional: É difícil manterse actualizado, saen moitas novidades á semana e noticias a diario, pero como non, tirando de redes sociais e de creadores de contido facilítanche a tarefa. No meu caso entre club de lectura, reto lector e ler o que vou recomendando polas redes sociais da biblioteca xa me ocupa a maioría de tempo que dedico a ler. Tamén é certo que estou en contacto en todo momento con compañeiros de profesión e entre todos ímonos avisando de novas que van saíndo.
Como dinamizas e difundes as actividades e servizos da biblioteca para chegar a máis xente: As redes sociais tanto do Concello de Cee como da biblioteca son fundamentais, e levalas ao día e ir publicando contido todas as semanas é crucial para manterte activo e que a veciñanza vexa que non paramos de traballar. Tamén o boca a boca, os usuarios máis fieis veñen todas as semanas, e a eles ímoslle comentado case que "en exclusiva" os libros que imos comprando e as actividades que imos facer.
Cales son os principais impedimentos para que as bibliotecas sexan un referente na sociedade: Penso que esa idea equivocada da biblioteca como un lugar de silencio sepulcral só para ou que nada máis que frecuenta "xente rariña". Debemos vela e tratala como un espazo fundamental de apoio á cultura e á educación, que estimula a creatividade e o fomento da diversidade cultural. Aquí podes vir a facer case case de todo.
Cales son os teus centros referentes ou profesionais vinculados ás bibliotecas: Como non tiro para casa e as Bibliotecas de Carballo son todo un referente para min por todo o que están facendo. E tamén a David Gesteira de @descifrandohistoria, compañeiro de Historia e bibliotecario no Concello das Neves está facendo un labor brutal de divulgación da Historia de Galicia e dos servizos bibliotecarios, con el falo case todas as semanas.
Como ves o futuro das bibliotecas, que papel terían que desenvolver cando o chat gpt e a IA xa está no noso día a día: As bibliotecas sempre van estar no noso día a día é un servizo público marabilloso, que leva sendo así dende a Antigüidade. Malia que a veces me sorprenda que algún usuario que nos visita por primeira vez me pregunte se hai que pagar por este servizo. As Intelixencias Artificiais nunca van substituír o labor do día a día do bibliotecario, son ferramentas que están para empregar e se nos poden facilitar as tarefas que desenvolvemos mellor que mellor.
A quen nos propós para que se sexa entrevistada: Á nosa veciña Soraya, bibliotecaria do Concello de Corcubión