Estás en:Novas

Formoso felicita ás empresas que apostan pola inclusión: “Non só cambian vidas, contribúen a facer unha sociedade mellor”

O presidente da Deputación reclama máis medios e sensibilización contra o estigma das enfermidades mentais na entrega dos premios Empréganos de FEAFES
Northius, Brico Depôt, BCL Facility Services, Emprego Social, a Asociación de Empresarias da Coruña e Manuel Añón Gesto, foron as empresas e persoas galardoadas nesta edición

A Deputación da Coruña recibe un recoñecemento polo seu apoio á integración laboral das persoas con problemas de saúde mental

Formoso felicita ás empresas que apostan pola inclusión: “Non só  cambian vidas, contribúen a facer unha sociedade mellor”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde na entrega dos Premios Empréganos Saúde Mental, organizado pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES) para recoñecer o traballo de persoas e entidades na inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental.

Northius, Brico Depôt, BCL Facility Services, Emprego Social, a Asociación de Empresarias de A Coruña e Manuel Añón Gesto, foron as empresas e persoas premiadas nun acto que congregou a máis de 100 asistentes no Centro Municipal de Emprego da Coruña.

No acto, a Deputación da Coruña recibiu un dos recoñecementos de FEAFES a institucións polo seu compromiso permanente neste ámbito, apoiando economicamente programas da federación e das distintas asociacións que a integran para mellorar a empregabilidade destas persoas, un aspecto fundamental na súa calidade de vida.

Valentín González Formoso remarcou que a saúde mental "é un problema de índole social que crece ano tras ano e que case sempre enfrontan en primeira liña as familias, os concellos e entidades sociais como as que integran FEAFES" e para o que son necesarios "máis recursos, máis medios e mellor coordinados, e sensibilizar á sociedade contra o estigma que aínda persiste sobre as enfermidades mentais".

"Rachar este estigma comeza no día a día, en cada empresa que decide apostar pola igualdade real de oportunidades, que crea empregos que non só cambian vidas, senón que axudan a facer unha sociedade máis xusta e solidaria", afirmou Formoso, que felicitou ás empresas galardoadas "pola súa aposta pola inclusión":

Neste sentido, o presidente da Deputación subliñou a necesidade de ir máis alá do marco asistencial para presentar unha "abordaxe integral e eficaz" que dea solucións ás persoas que as sofren e as súas familias. "É un asunto que nos incumbe a todos, por iso nos implicamos para apoiar o importante traballo que desenvolven entidades coma esta, especialmente no eido da inserción laboral", afirmou o presidente da Deputación.

Formoso lembrou que as enfermidades mentais están moi vinculadas ás dificultades para atopar traballo, cunha inserción laboral que rolda o 17%, a máis baixa de todas as discapacidades, pero que ascende ata máis do 50% con programas de intervención como os que desenvolve FEAFAES co apoio da Deputación da Coruña.

Empresas galardoadas

Na categoría Empresa de Formación resultou premiada Northius, por apostar pola mellora da cualificación de persoas con problemas de saúde mental, ofrecéndolles formación innovadora e de calidade que potencia a súa capacitación laboral. O premio á Empresa Colaboradora foi para Brico Depôt, que leva 8 anos acollendo alumnado deste colectivo en prácticas non laborais e brindándolles posteriormente oportunidades de emprego. BCL Facility Services, pola súa banda, recibiu o premio á Empresa Contratante pola confianza depositada en Saúde Mental FEAFES Galicia para comunicar ofertas e contratar a persoas usuarias no mercado ordinario, así como pola estreita colaboración e a comunicación fluída coa entidade.

Na categoría Emprego Protexido, recoñeceuse a Emprego Social, que destaca polo seu compromiso e implicación na contratación estable de persoas con problemas de saúde mental, así como pola súa calidade humana. A Entidade Colaboradora premiada foi a Asociación de Empresarias da Coruña por contribuír á visibilización de Saúde Mental FEAFES Galicia e por impartir e ofrecer formación de calidade sobre autoemprego ás persoas con problemas de saúde mental. Finalmente, como Persoa Referente recibiu o galardón Manuel Añón Gesto, encargado xeral de servizos de Clece S.A., en recoñecemento á súa entrega, sensibilidade e boa disposición cara a inserción laboral de colectivos vulnerables, e por ser unha persoa altamente implicada coa igualdade de oportunidades e a non discriminación.

Na súa intervención, o director de Saúde Mental FEAFES Galicia, Antonio Hernández, sinalou que ao longo do 2024, a entidade axudou a 839 persoas con problemas de saúde mental a lograr un emprego en toda Galicia (191 na área da Coruña), o cal representa o 67% das persoas atendidas. Esta cifra, moi superior ao índice xeral de inserción laboral do colectivo, demostra que cando hai un servizo especializado detrás, as oportunidades para estas persoas multiplícanse exponencialmente.

No acto interviu tamén Ana Penas, usuaria de Saúde Mental FEAFES Galicia, que puxo o foco na importancia que ten o emprego para o desenvolvemento dun proxecto de vida de calquera persoa, canto máis das que teñen un problema de saúde mental. Penas pediu confianza e non discriminación por parte do empresariado, para que as persoas con problemas de saúde mental poidan demostrar a súa valía no eido laboral. "Considero de vital importancia que as empresas vexades en nós ás persoas profesionais que somos, máis alá dun diagnóstico ou unha discapacidade", sinalou.

FEAFAES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 que integra a 12 asociacións en 30 localidades de Galicia. Destaca pola súa loita continua a favor da mellora das condicións de vida das persoas con enfermidade mental e as súas familias.