Formoso destaca o papel fundamental das mulleres no mundo empresarial galego
O presidente asistiu en Santiago á entrega dos premios Empresarias Galicia 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta noite en Santiago de Compostela na entrega dos premios Empresarias Galicia 2025, que recoñecen o labor e a traxectoria de mulleres líderes no sector empresarial.
Formoso destacou o "papel fundamental" das mulleres no mundo empresarial galego e o seu crecente protagonismo en proxectos innovadores. "No mundo da economía e a empresa, as mulleres teñen por bandeira a capacidade de traballo, a rigorosidade, a solvencia, e ademais un chisco de sensibilidade que fai que unha empresa dirixida por unha muller teña unha visión distinta tanto cara dentro da compañía como de cara á sociedade", afirmou o presidente da Deputación, que felicitou ás cinco gañadoras da noite e á Asociación Empresarias Galicia pola súa aposta pola igualdade e o talento.
Sara Rodríguez, presidenta de Hermasa Canning Technology; Elena Vitoria, directora executiva de Salmoira; Emma Lustres, de Vaca Films; Marián Mouriño, presidenta do Real Club Celta e Eva López, directora de Woman Emprende da Universidade de Santiago, recolleron os seus galardóns no hotel San Francisco de Santiago durante unha gala á que asistiron máis de 170 invitados.