O Campus Industrial de Ferrol acolle a final da First Lego League Galicia
A deputada de Emprego e Industria acudiu á entrega de premios do certame galego, que está apoiado pola Deputación da Coruña e busca que estudantes de 4 a 16 anos se acheguen a través dos seus proxectos a profesións vinculadas á enxeñaría, a tecnoloxía ou a ciencia

A deputada de Emprego e Industria da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou esta tarde no acto de clausura e entrega de medallas do torneo First Lego League Galicia, celebrado no Auditorio de Ferrol. No acto, García quixo destacar "o fundamental labor do Campus de Ferrol, da Universidade da Coruña, tanto no fomento do coñecemento industrial como na captación de talento".
Ambas as dúas cuestións son posibles grazas a eventos como a First Lego League Galicia que o campus ferrolán acolle por terceiro ano consecutivo e que conta co apoio da Deputación da Coruña no marco do convenio de colaboración coa Universidade da Coruña (UDC).
O evento é un torneo destinado a estudantes de 4 a 16 anos co obxectivo de que se familiaricen coa resolución de problemas do mundo real vinculados coa reciclaxe, a educación, as enerxías renovables ou, no caso da edición deste ano, o océano. Coa creación dos seus proxectos, os mozos e mozas achéganse así a profesións vinculadas á enxeñaría, a tecnoloxía ou a ciencia, unha perspectiva que adquire aínda máis relevancia no caso das mulleres, xa que neste sector aínda existe unha importante fenda de xénero.
Deste xeito, nesta undécima edición do torneo no ámbito galego, competiron 53 equipos, o que supuxo a participación de máis de 350 mozos e mozas de Galicia e Asturias. Na entrega de recoñecementos, Rosa Ana García outorgou o Premio Deputación da Coruña aos Valores First, xa que a competición non só pon en valor a creatividade e o deseño dos e das estudantes, senón tamén cuestións como a inclusión, a colaboración, a diversión ou o descubrimento conxunto.
A First Lego League Galicia é o preámbulo da gran final nacional, que na súa 19ª edición terá como sede tamén o Campus de Ferrol. O certame científico celebrarase o sábado 29 de marzo.