Turismo da Deputación presenta un espazo web dedicado aos viños da provincia da Coruña
A páxina viñosdacoruña.gal alberga información sobre diferentes iniciativas enolóxicas caracterizadas polo compromiso coa excelencia e o obxectivo de espremer os atributos e peculiaridades excepcionais das castes de uva cultivadas na provincia
O vicepresidente, Xosé Regueira, presentou esta mañá a iniciativa, durante a inauguración oficial do primeiro encontro das IXP de Viño de Galicia, onde salientou o traballo dun sector "vencellado coa cultura, o agro e a gastronomía, pero tamén coa innovación e a tradición, sempre da man"
O NH Finisterre acolle hoxe a segunda xornada desta cita que comezou onte e que conta con máis dunha vintena de actividades entre presentacións, catas e obradoiros, e coa presenza de representantes das principais adegas e IXP de Galicia

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, presentou esta mañá, durante a inauguración oficial do encontro das IXP de Viño de Galicia, a páxina web viñosdacoruña.gal, un espazo que recolle información sobre diferentes iniciativas enolóxicas da provincia que se caracterizan pola súa excelencia e compromiso co territorio. Fíxoo durante esta segunda xornada dunha cita que contou con máis dunha vintena de actividades entre presentacións, catas e masterclass, e coa presenza das principais adegas e IXP de Galicia, que se desenvolve no coruñés NH Finisterre.
Regueira explicou o obxectivo da páxina web e do propio encontro: "poñer en valor o territorio a través das persoas, a paisaxe e a gastronomía, como parte da nosa campaña 'A paisaxe que sabe', con este espazo que se converte nunha ferramenta máis para salientar a excelencia da cadea agroalimentaria coruñesa". O vicepresidente tamén se referiu á artesanía vitícola, "capaz de meter un territorio nunha botella" e ao "legado" que existe na provincia, "vencellado coa cultura, o agro e a gastronomía, pero tamén coa innovación e a tradición, sempre da man".
"Unha adega de máxima eficiencia enerxética, un innovador espumoso, un pioneiro viño doce natural, a dedicación perfeccionista da enxeñeira agrónoma que investiga e pon en valor unha uva histórica, a paixón do mozo que logo de fuxir do mundo do viño familiar regresa cunha nova visión para transformar e levar a outro nivel a herdanza vitícola da casa, o encontro do viñedo coa historia nun caldo de homenaxe a un milenario achado arqueolóxico... Son algúns exemplos dun traballo que merece ser coñecido e recoñecido". Neste sentido, viñosdacoruña.gal pretende ser o espazo "dun sector pequeno aínda en produción pero moi grande en potencial" para situar o viño da provincia no lugar que lle corresponde, sendo "moito máis que unha bebida para ser un símbolo de identidade, indisociable de valores de tradición, territorio, historia e patrimonio".
O espazo viñosdacoruña.gal alberga información sobre iniciativas enolóxicas de diferentes dimensións e graos de profesionalización, pero caracterizadas todas polo compromiso coa excelencia e o obxectivo de espremer os atributos e peculiaridades excepcionais das castes de uva cultivadas na provincia. Unha arela na que comparten protagonismo as vides, as propiedades distintivas que adquiren nas terras coruñesas onde son cultivadas e o traballo entregado dos adegueiros, baseado no esforzo, a honestidade e a aposta por unha innovación que non esquece a sólida raíz das tradicións familiares de longo alento.
Na páxina web pódese atopar todos os datos sobre as dúas indicacións xeográficas que acolle a provincia, a Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Betanzos e a Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Barbanza e Iria. Inclúe tamén unha referencia menos coñecida para o gran público: a Ribeira do Ulla, a subzona máis recente da Denominación de Orixe das Rías Baixas, estabelecida no ano 2000, e que ten tamén localizacións na provincia da Coruña, en concreto nos concellos de Boqueixón, Padrón, Teo, Touro e Vedra. Ademais, recolle todos os datos das adegas integradas nestas IXP e DO, ademais de información actualizada sobre os viños que están producindo, referencias sobre a súa comercialización, entrevistas cos adegueiros, fotografías e vídeos divulgativos.
A presentación da páxina web por parte do vicepresidente, Xosé Regueira, marcou o inicio desta segunda xornada do encontro das IXP de Viño de Galicia que se celebra no NH Finisterre. Trala primeira de onte, onde tivo lugar un 'túnel do viño' con catas cada media hora de 16 adegas participantes das IXP de Galicia, hoxe hai tamén presentacións de Adega Bordel e Adegas Rilo (IXP Viño da Terra de Betanzos); masterclass sobre branco lexítimo a cargo de Luis Paadín; presentacións de Pagos de Brigante e Casa Beade (IXP Viño da Terra de Betanzos) e Adega Terras Mancas e Adega Ferreiros (IXP Val do Miño, Ourense) e finalizará cunha masterclass de Alejandro Paadín sobre as IXP de Galicia.
Regueira enmarcou a iniciativa no compromiso da súa área por "captar un turismo responsable" pois "a enogastronomía ofrece oportunidades non so para a gastronomía senón tamén para o territorio, e tamén para o noso patrimonio, a nosa lingua e a nosa cultura, confeccionando un produto turístico de gran calidade". Referiuse tamén aos 5 plans de sustentabilidade turística en destino da Deputación, "catro deles forman parte do plan enogastronómico de Galiza" polo que "traballamos na mesma liña". "Esta estratexia permítenos non só facer promoción turística, senón tamén contribuír a xerar economía e oportunidades no medio rural", engadiu Regueira. "Hai que valorizar o rural, mantelo vivo e fomentar a riqueza e o benestar para as persoas, pois non todo e cultura de esforzo e de compromiso"
Así, "contamos con máis de 100 empresas adscritas que nos acompañan a diferentes eventos, como este" sinalou o vicepresidente. "Hai que reivindicar o traballo destas pequenas empresas produtoras, e con esta cita queremos darlles o espazo para que trasladen as peculiaridades dos seus negocios, así como os produtos da terra e de proximidade, porque estaremos contribuíndo á mellora socioeconómica da contorna e tamén á preservación do planeta". En definitiva, "temos que dar valor ao que a nosa paisaxe produce".