A Deputación contribúe á visibilización da vida das irmás Touza, que salvaron centos de persoas do nazismo durante a II guerra mundial
A área de Dereitos Civís levará a obra de teatro 'A Nai', un espectáculo de Amorodio Teatro que fala sobre a historia de tres irmás de Ribadavia a diferentes concellos da provincia da Coruña, cun total de 20 representacións
A primeira das representacións terá lugar mañá en Narón, seguindo os días 26 e 27 en Rianxo e o 28 en Muros, para continuar durante os vindeiros meses nos concellos restantes
Ademais das funcións, elaborouse unha unidade didáctica para achegar a necesidade non só de recuperar esta historia senón tamén de abordar un exemplo de loita contra os discursos racistas e xenófobos actuais

A área de Dereitos Civís da Deputación, liderada pola deputada Soledad Agra, contribúe á visibilización da historia das irmás Touza a través da representación da obra de teatro "A nai" en 20 concellos da provincia, xunto coa elaboración dunha guía didáctica para achegar a necesidade non só de recuperar esta historia senón tamén de abordar un exemplo de loita contra os discursos racistas e xenófobos actuais. A primeira das representacións terá lugar mañá na Casa da Cultura de Narón onde asistirán uns 600 alumnos e alumnas de centros de ensino da contorna.
'A Nai' é un espectáculo de Amorodio Teatro que fala sobre a historia de tres irmás de Ribadavia: Lola, Amparo e Julia Touza, que nos anos 40 rexentaban un quiosco na estación de Ribadavia, un lugar máis polo que nos anos máis duros do nazismo desfilaron xudeus, mulleres xitanas, homosexuais que fuxían dunha morte segura en campos de concentración da Alemaña nazi. As irmás agochaban ás persoas fuxidas varios días até que o enlace seguinte tamén colaborador desa rede os levaba ao punto seguinte até chegar a Portugal e desde ese país conseguir cruzar o Atlántico e poñer as vidas a salvo, ser libres.
Segundo explica Soledad Agra "esta historia existe porque eran mulleres solteiras, unha delas incluso nai, iso permitiulles ser donas de si mesmas e ter unha autonomía económica e vital, e por suposto porque tiñan tamén moita valentía". Neste sentido, apuntaba que "temos que facer un esforzo desde as administracións por dar a coñecer ao conxunto da poboación, especialmente á xente máis moza, a nosa historia, o que acontece cando se instalan na sociedade discursos de odio, e por suposto visibilizar a vida destas tres galegas rebeldes que loitaron contra as inxustizas axudando a quen máis o precisaba."
Amorodio Teatro gañou con esta peza un premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade da Deputación da Coruña. A obra, segundo explican, "interpela a quen está sentada na butaca, busca espertar sentimentos, que a xente que a está vendo se remova por dentro, que reflexionen sobre se seriamos capaces de arriscar a nosa vida por outras".