Estás en:Novas

A Deputación renova o convenio coa Fundación CIEC polo Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica

A administración provincial achega 6.500 euros para a organización da exposición itinerante e a edición do catálogo das obras seleccionadas polo xurado do certame en 2024

"Na área provincial de Cultura seguimos apostando por iniciativas de apoio á creación en diferentes disciplinas; neste caso, a un premio que sitúa a Betanzos no epicentro mundial da arte gráfica", destacou a titular do departamento, Natividade González

A Deputación renova o convenio coa Fundación CIEC polo Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica

A deputada de Cultura, Natividade González, e Pedro Galilea, director da Fundación Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC), de Betanzos, asinaron esta mañá na sede da Deputación a renovación do convenio para a xestión do Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica. Segundo o acordo, a administración provincial achegará 6500 euros para a organización da exposición itinerante e a edición do catálogo das obras seleccionadas polo xurado do certame en 2024.

"Na área de Cultura da Deputación contamos cunha importante liña de apoio á creación artística nas súas diferentes disciplinas", sinalou a titular do departamento, Natividade González. "Neste caso, o beneficiario é un premio, o Jesús Núñez, que en 2025 vai chegar á súa vixésima edición e que conseguiu situar a Betanzos no epicentro mundial da arte gráfica".

González louvou o labor que leva a cabo a Fundación CIEC, "xuntando no seu taller artistas consagrados e novos talentos para investigar e formar en técnicas como a litografía, a calcografía, a xilografía ou a serigrafía, moitas veces esquecidas polos programas de axuda das institucións públicas, pero non polos da Deputación da Coruña, como demostra este convenio que asinamos hoxe e outros acordos de colaboración que mantemos ao longo do ano coa CIEC".

A deputada lembrou que ata o 10 de abril estará aberta a convocatoria do Jesús Núñez 2025, dotado cun primeiro premio de 6500 euros e unha exposición na sede da CIEC, ademais de dous accésits cuxos gañadores recibirán unha bolsa de matrícula nun módulo do Máster de Obra Gráfica impartido pola fundación betanceira.