A exposición ‘Non calarás’, gañadora do premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, inaugúrase este xoves na Mariña
Esta mostra organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda visibiliza, a través dunha serie de paneis, o papel histórico das mulleres no movemento obreiro e asociativo e nas reivindicacións socialaborais
A Mariña, entre a traseira da Autoridade Portuaria e Palexco, acollerá esta exposición que se inaugura o xoves 6 ás 12h

A exposición 'Non calarás', gañadora do certame Luísa Villalta a proxectos pola igualdade do 2024, convocado pola área de igualdade da Deputación, inaugúrase o xoves 6 de marzo ás 12h na Mariña, entre a traseira da Autoridade Portuaria e Palexco
Esta exposición, que pretende visibilizar o papel das mulleres nas loitas, nos traballos nas reinvindicacións para unha sociedade máis igualitaria e máis xusta, está composta por unha serie de paneis que fan memoria sobre As revoltas das mulleres; As lavandeiras; As chambonas; As costureiras; Vendedoras de peixe; Irmandiñas; Mandadeiras; El Progreso Femenino; As cigarreiras; As labregas; Hijas de Galicia e as cantareiras.
'Non calarás' é un proxecto historiográfico da Asociación Cultural Alexandre Bóveda de recuperación da memoria das mulleres cunha clara perspectiva feminista, que abarca diversos ámbitos de traballo (investigación, divulgación, exposición, publicación e rutas). Céntrase na cidade da Coruña, sendo un proxecto inspirador para outras vilas e cidades do territorio. Destaca a coordinación co tecido asociativo e educativo.
A deputada de igualdade, Soledad Agra, sinalou a importancia de proxectos como estes "que fan memoria e lembra esas historia de forza, de resistencia, de empoderamento e de sororidade de grupos de mulleres que souberon tecer redes e traballar en común acadando fitos históricos, mais cuxos relatos ficaron na néboa dos tempos".